Acceso Usuarios
Regístrate Gratis
SuperContable
Advertisement
Advertisement
Inicio Documentos
Modelos de estatutos de cooperativas del Mar de Galicia

ESTATUTOS SOCIAIS COOPERATIVA DO MAR -GALICIA-



           
                                  CAPÍTULO I
              Denominación, Domicilio, Ámbito, Actividade e Duración


    Art. 1.- Denominación e Réxime legal

    Coa denominación " ............. SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA" (Poderase empregar tamén a súa abreviatura S.COOP.GALEGA.), constitúese unha sociedade cooperativa do mar, dotada de plena personalidade xurídica e suxeita ás disposicións da Lei de cooperativas de Galicia e as contidas nos presentes estatutos.

    Art. 2.- Domicilio Social

    1.- O domicilio social da cooperativa establécese na rúa ......, número ....., do municipio de........,  da provincia de...........,C.P ....... (A cooperativa terá o seu domicilio social dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, no lugar onde realice principalmente a súa actividade cooperativizada coas súas persoas socias ou centralice a súa xestión administrativa e empresarial.)

    2.- O domicilio social poderá ser trasladado dentro do mesmo termo municipal por acordo do órgano de administración (O artigo 74.5 da lei 5/98 establece que será competencia do órgano de administración a modificación de estatutos cando esta se refira ao traslado do domicilio no mesmo termo municipal. Non obstante, cabe a posibilidade de que este acordo, por estatutos, se reserve expresamente á asemblea xeral, neste caso o texto do artigo debería indicar:
.... por acordo da asemblea xeral.)
.

    Con carácter previo a súa inscrición no Rexistro de cooperativas, dito acordo deberá comunicarse formalmente ás persoas socias.

    3.- Para trasladar o domicilio social  fóra do termo municipal no que antes estaba, será necesario o acordo da asemblea xeral.

    4.- O cambio do domicilio social publicarase nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa.

    Art. 3.- Ámbito Territorial


A sociedade desenvolverá as súas actividades cooperativizadas, con carácter principal, no ámbito territorial correspondente á  ................................. (Indicar as localidades ou provincia que comprenden o ámbito, no caso de que o ámbito supere ao dunha provincia, deberase indicar : Comunidade Autónoma de Galicia.)  (Debe terse en conta que o ámbito que se define é aquel onde se realizan as Actividades cooperativizadas con independencia de que as relacións comerciais ou as actividades de carácter instrumental, persoais, accesorias ou complementarias ao obxecto social, se realicen fóra dese ámbito.)   

    Art 4.- Obxecto e actividade económica

    1.- A cooperativa terá por obxecto  a prestación de subministracións e servizos e a realización de operacións encamiñadas á mellora económica e técnica das actividades profesionais ou das explotacións das persoas socias e da cooperativa; así como a mellora da poboación mariñeira e o desenvolvemento do medio litoral, e a atención de calquera outro fin ou servizo que sexa propio das actividades pesqueiras, de industrias marítimo-pesqueiras, marisqueo, acuicultura e derivadas, ou se relacione directamente con elas.

    En concreto, as actividades que desenvolverá a cooperativa para o cumprimento do seu obxecto social, son:  (Debe recollerse a actividade ou actividades económicas que vaia desenvolver a cooperativa. No artigo reprodúcese  unha enumeración exemplificativa, que se pode ampliar ou reducir. Recoméndase describilas por orde de importancia.)

    a) A comercialización coas transformacións a que houbera lugar, dos produtos procedentes das explotacións e/ou das actividades das persoas socias.

    b) Adquisición por calquera título de materias primas, embrións, crías, ferramentas, útiles de pesca, maquinaria, pensos, así como a súa elaboración, e demais elementos para a produción e fomento das actividades relacionadas co mar, así como as instalacións precisas, tales como barcos, bateas, fábricas de transformación, conservación e elaboración de produtos. Adquirir efectos navais, equipamentos, aparellos, combustible, radio e restantes instrumentos e útiles necesarios para os cultivos mariños

    c) Conservar, producir, transformar, distribuír, transportar e vender en mercados interiores e exteriores, produtos procedentes das explotacións e actividades da cooperativa ou das persoas socias, en
estado natural ou transformados, coas instalacións necesarias.

    d) Explotación de bancos naturais e artificiais.

    e) Prestación de servizos relacionados coa actividade económica, ás persoas socias da Cooperativa.

    f) Calquera outras actividades que sexan necesarias, convenientes ou faciliten a mellora económica, técnica, laboral ou ecolóxica da cooperativa ou das explotacións das persoas socias, particularmente as referidas á investigación e innovación.

    Art. 5.- Operacións con terceiros
  
    A Cooperativa poderá realizar operacións con terceiras persoas non socias, dentro das actividades económicas comprendidas no artigo 4 destes Estatutos, ata un límite máximo do 50 por 100 (Téñase en conta que esta porcentaxe do 50% é o máximo legalmente permitido, polo que se pode establecer unha porcentaxe inferior.)  da facturación global do total das realizadas polas persoas socias.

    A cooperativa deberá reflectir esta circunstancia na súa contabilidade de forma separada e independente e de xeito claro e inequívoco, sen prexuízo da contabilidade xeral da Cooperativa. Dos beneficios obtidos por estas operacións imputaranse un 50 por 100 como mínimo ó Fondo de Reserva Obrigatorio, e o resto destinarase conforme acorde a Asemblea Xeral en cada exercicio económico.

(A cooperativa tamén poderá optar nos seus estatutos pola non contabilización separada das operacións con terceiros, dotando a fondos como se todos os resultados fosen cooperativos, tendo en conta que esta opción implica a perda de protección fiscal. De exercitar esta opción deberase facer constar expresamente nos estatutos e substituír  este parágrafo polo seguinte:

A cooperativa opta pola non contabilización separada dos resultados extracooperativos.)
  

    Art. 6.- Duración

    A cooperativa constitúese por tempo ....... . (Indefinido ou definido. Neste último caso débese fixar con claridade o límite.)

(No caso de que a cooperativa desexe contemplar o funcionamento por seccións, ao abeiro do previsto no artigo 9 da Lei de cooperativas de Galicia, deberá contemplalo e regulalo expresamente. Para este fin proponse a introdución do artigo que se reproduce a continuación, tendo en conta o carácter orientativo da redacción e que a súa aplicación se limita ás seccións ordinarias, exceptuando as seccións de crédito que requiren unha regulación específica:

    ARTIGO 6 BIS.- SECCIÓNS DA COOPERATIVA

    1.- As persoas socias da cooperativa poderán agruparse voluntariamente en seccións, a fin de desenvolver actividades sociais ou económicas específicas comprendidas no obxecto social da mesma. A súa constitución requirirá o acordo da asemblea xeral da cooperativa por máis da metade dos votos validamente expresados.

    2.- A cooperativa virá obrigada a realizar en cada exercicio económico auditoría externa das contas anuais.      

    3.-As seccións carecerán de personalidade xurídica independente da  cooperativa na que se insiran e gozarán de autonomía de xestión e patrimonio adscrito ao desenvolvemento da súa actividade económica.

    4.-A xestión e representación da sección corresponderá ao órgano de administración, sen prexuízo de que este poida conferir apoderamento a favor dunha persoa ou designar un director ou directora para a sección, que estará ao cargo do xiro e tráfico ordinario desta.

    5.-As seccións levarán necesariamente a súa contabilidade de forma independente, sen prexuízo da xeral da cooperativa, así como un libro de rexistro de persoas socias adscritas a elas e un libro de actas.

    6.-Poderán adherirse ás distintas seccións todas as persoas socias da cooperativa interesadas en participar nos distintos servizos e actividades que desenvolvan. O procedemento será o establecido nestes estatutos para o ingreso na cooperativa, se ben só deberán subscribir e desembolsar as cantidades complementarias que resulten necesarias para ingresar na sección. Dende o momento da incorporación á sección, farase a correspondente anotación no libro rexistro de persoas socias adscritas a esta, que necesariamente levará cada unha das seccións da Cooperativa.

    7.-Toda persoa socia incorporada a unha sección deberá participar na actividade específica da mesma segundo os módulos obrigatorios adicionais e cotas establecidas e, no seu caso, asumir as garantías a que viñese obrigado.

    8.-Nos resultados negativos das operacións que realice a sección quedará afecto en primeiro lugar o patrimonio desta, sen prexuízo da responsabilidade patrimonial universal da cooperativa. En caso de que a cooperativa teña que facer fronte ás responsabilidades de calquera tipo derivadas da actuación de calquera das seccións, aquela poderá repercutir contra os socios integrados nesta, esixindo o efectivo desembolso das achegas comprometidas ou as garantías prestadas.

   9.-A distribución dos excedentes da sección acreditarase os socios da sección en proporción ás operacións, servizos ou actividades realizadas polo socio coa sección.    

    10.- A xunta de sección, constituída polas persoas socias adscritas á mesma debidamente reunidos, terá o réxime de competencias que lle delegue expresamente a asemblea xeral ou órgano de administración, sempre que non se trate de competencias exclusivas dos órganos sociais. Das sesións das xuntas de sección, levantarase a correspondente acta, que será incorporada a un libro de actas especial para cada unha das seccións.

    11.- Corresponderá  á xunta de sección:

    a) Propoñer á asemblea xeral a emisión de achegas adicionais e cotas periódicas.
    b) Propoñer ao órgano de administración a esixencia ás persoas socias de calquera prestación dentro do ámbito da actividade da propia sección.
    c) Propoñer ao órgano de administración as directrices xerais de actuación da sección, con suxeición á política xeral da cooperativa, marcada pola asemblea xeral.
    d) Propoñer á asemblea xeral da cooperativa a aprobación do regulamento relativo as súas normas de actuación interna.
    e) Formular as contas de exercicio da sección e o informe da xestión correspondente á mesma con suficiente antelación para a súa remisión ao órgano de administración e posterior incorporación ás contas xerais da cooperativa.
    f) Instar do órgano de administración da cooperativa e, no seu caso, da asemblea xeral, a adopción dos acordos pertinentes en relación coa actividade específica da mesma.
    g) Os acordos da xunta de sección serán impugnables nos mesmos termos que os da asemblea xeral da cooperativa.

    12.- O órgano de administración e a asemblea xeral da cooperativa poderán acordar a suspensión dos acordos da xunta de sección, facendo constar os motivos polos que os consideran impugnables ou contrarios ao interese xeral da cooperativa. O acordo de suspensión terá efectos inmediatos sen prexuízo da súa posible impugnación.)


                              CAPÍTULO II
                            Das persoas socias



    Art 7.- Persoas socias

Poden ser socios da cooperativa as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, e as comunidades de bens, titulares de explotacións dedicadas a actividades pesqueiras, de industrias marítimo-pesqueiras, marisqueo, acuicultura e derivadas, así como os profesionais destas actividades

    (Pódense establecer requisitos adicionais para a adquisición da condición de socio ou  socia da cooperativa, tales como a realización dunha actividade económica determinada como por exemplo: titulares de explotacións de acuicultura, e tamén establecer a obrigatoriedade de ter a explotación situada nun determinado territorio ou estar incorporada a unha determinada cualificación.
En ningún caso poderán establecerse requisitos discriminatorios, por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social, ou contrarios ás leis.)


    (No caso de contemplar a existencia de persoas socias de traballo de acordo co previsto no artigo 21 da Lei de cooperativas de Galicia, débese engadir un apartado cunha redacción como a seguinte:

    Poderán ser socios e socias de traballo as persoas naturais con capacidade legal e física para desenvolver a actividade cooperativizada de prestación do seu traballo persoal na cooperativa.)



    Art. 8.- Admisión

    1.- (Este apartado 1º incorporarase aos estatutos de cooperativas de nova creación. Pero  naquelas cooperativas xa constituídas e que modifiquen os seus estatutos sociais, non ten sentido a incorporación deste primeiro apartado. Aconséllase pasar directamente ao seguinte apartado, que deixaría entonces de ser apartado "2º" para converterse no apartado "1º".) Para adquirir a condición de persoa socia no momento de constitución da cooperativa, será necesario:

    a) Estar incluído na relación de  promotores e promotoras.

    b) Subscribir e desembolsar a achega obrigatoria na contía fixada estatutariamente.

    c) Subscribir o compromiso de non darse de baixa voluntariamente sen xusta causa que cualifique a mesma de xustificada, ata ....... .  (Esta condición para ser persoa socia é voluntaria, pero para a súa aplicación requírese que conste nos estatutos.  Cabe a posibilidade de establecer diversos límites: ou ben ata o final do exercicio económico ou ata un número de anos, nunca superior a 10 dende a data de ingreso. Así, no caso de optar polo primeiro límite terase que poñer:

    "... ata o remate do exercicio económico.".

    No caso de optar por establecer un número de anos concreto, terase que poñer:

    "... ata que transcorran .....  anos dende a data do seu ingreso".

No caso de que non se desexe establecer este compromiso deberá eliminarse este apartado.)


   2.-Para adquirir a condición de persoa socia con posterioridade á constitución da cooperativa, será necesario:

    a) Ser admitido como socio ou socia.

    b) Subscribir e desembolsar a achega obrigatoria na contía fixada estatutariamente.

    c) Subscribir o compromiso de non darse de baixa voluntariamente sen xusta causa que cualifique a mesma de xustificada, ata ....... (Esta condición para ser persoa socia é voluntaria, pero para a súa aplicación requírese que conste nos estatutos.  Cabe a posibilidade de establecer diversos límites: ou ben ata o final do exercicio económico ou ata un número de anos, nunca superior a 10 dende a data de ingreso. Así, no caso de optar polo primeiro límite terase que poñer:

    "....  ata o remate do exercicio económico.".

    No caso de optar por establecer un número de anos concreto, terase que poñer:

    "....  ata que transcorran ...... anos dende a data do seu ingreso".

No caso de que non se desexe establecer este compromiso deberá eliminarse este apartado.)
.

    d) Desembolsar a cota de ingreso que, no seu caso, acorde a asemblea xeral. (A cota de ingreso non poderá ser superior ó 50 por 100 da achega obrigatoria ao capital social vixente en cada momento para adquirir a condición de persoa socia.)

    
    Art. 9.- Procedemento de Admisión

    1.- A solicitude de admisión realizarase por escrito dirixido ao órgano de administración da cooperativa, que deberá resolver motivadamente nun prazo non superior a dous meses, a contar dende o día seguinte á recepción daquela. A resolución  comunicarase á persoa solicitante e publicarase no taboleiro de anuncios da cooperativa (Pode establecerse outro medio de publicidade alternativo ao taboleiro de anuncios.). Transcorrido o prazo mencionado sen resolución expresa, a solicitude entenderase denegada.

    2.- Contra a denegación da admisión a persoa solicitante poderá recorrer no prazo dun mes, a contar dende a comunicación ou do remate do prazo que o órgano de administración dispón para resolver, ante a asemblea xeral. Recurso que se resolverá na primeira asemblea xeral que se celebre, mediante votación secreta, previa audiencia da persoa interesada. (No caso de existir comité de recursos, o recurso interporase ante este órgano, no mesmo prazo, e deberá resolverse no prazo dun mes, en todos os casos previa audiencia da persoa interesada.)

    3.- O acordo de admisión tamén poderá ser impugnado por socios e socias que representen como mínimo ....... (Esta posibilidade é voluntaria, pero para a súa aplicación requírese que conste en estatutos, indicando o número de persoas socias ou unha porcentaxe sobre a totalidade das mesmas. No caso de non querer utilizar esta posibilidade debe suprimirse este apartado.) ,no prazo de 10 días a contar dende a publicación do acordo de admisión no taboleiro de anuncios da sociedade, ante a asemblea xeral, que resolverá na primeira que se celebre, por votación secreta, previa audiencia da persoa interesada.

    Ata que transcorra o prazo para recorrer ou resolva a asemblea xeral sobre o recurso interposto, a admisión quedará en suspenso. (No caso de existir comité de recursos, o recurso será resolto por este)  

    Art. 10.- Dereitos das persoas socias

    As persoas socias teñen dereito a:

    a) A ser electoras e elixibles para os cargos dos órganos sociais da cooperativa.

    b) A formular propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos nas reunións dos órganos sociais dos que forme parte.

    c) A recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.

    d) A participar na actividade da cooperativa para o cumprimento do seu fin social, sen ningunha discriminación.

    e) A percibir o retorno cooperativo, se é o caso.

    f) Á actualización das achegas ao capital social, así como, no seu caso, á súa devolución e a percepción de xuros polas mesmas.

    g) Ao dereito de información nos termos establecidos no artigo 23 da lei de cooperativas de Galicia

    h) A todos os demais dereitos que lles outorguen as normas legais e estatutarias ou os acordos validamente adoptados polos órganos sociais.

    Os dereitos exerceranse de conformidade coas normas legais e estatutarias e os acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

    Art 11.- Obrigas das persoas socias

    As persoas socias están obrigadas a:

    a) Asistir ás reunións da asemblea xeral e dos demais órganos para os que fosen convocadas.

    b) Cumprir os deberes legais e estatutarios así como os acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

    c) Participar na actividade cooperativizada que desenvolve o obxecto social da cooperativa, na seguinte contía mínima obrigatoria: ................ (Determinarase con claridade e precisión, en función das actividades económicas que desenvolva a cooperativa para o cumprimento do seu obxecto social, a contía mínima obrigatoria na que a persoa socia debe participar na actividade cooperativizada. Pódese establecer o mínimo que se considere conveniente e fixalo por medio dunha cantidade ou dunha porcentaxe en relación dun total determinado, por exemplo:

    Comercializar a través da cooperativa o 50% da súa produción e adquirir a través da cooperativa subministracións por un importe mínimo anual de 5.000 euros.

    Non obstante, resulta aconsellable que o compromiso de participación se estenda á totalidade da produción procedente das explotacións polas que accede á condición de persoa socia, por exemplo:

    Comercializar a través da cooperativa a totalidade da produción de mexillón obtida nas bateas explotadas pola persoa socia, así como adquirir todos os produtos e servizos que precise para a súa explotación que subministre ou preste a cooperativa.)

    O órgano de administración poderá liberar temporalmente de dita obriga á persoa socia que o solicite motivadamente, por causa xustificada.

    d) Non realizar actividades competitivas coas desenvolvidas pola cooperativa, salvo autorización expresa do órgano de administración.

    e) Gardar secreto sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa cuxa divulgación poida prexudicar os intereses sociais lícitos.

    f) Desembolsar as súas achegas ao capital social nas condicións previstas.

    g) Participar nas actividades de formación.

    h) Aceptar os cargos para os que fosen elixidas, salvo xusta causa.
    
    (No caso de que a cooperativa queira prever a existencia de socios de traballo, dos regulados no artigo 21 da Lei de cooperativas de Galicia, proponse a introdución dun artigo novo coa seguinte redacción:

    ARTIGO 11 BIS.- PERSOAS SOCIAS DE TRABALLO

    1.-Poderán ser persoas socias de traballo as persoas naturais con capacidade legal e física para
desenvolver a actividade cooperativizada de prestación do seu traballo persoal na cooperativa.

    2.- A admisión polo órgano de administración dunha nova persoa socia de traballo poderá realizarse en situación de proba.  O período de proba poderá ser de ............... Transcorrido dito prazo sen denuncia previa por ningunha das partes, a persoas socia, previo desembolso da achega obrigatoria que lle corresponda e, de ser o caso, da cota de ingreso, adquirirá a condición de persoa socia indefinida con todos os dereitos e obrigas inherentes a ela. En todo caso, o período de proba poderá reducirse ou suprimirse por mutuo acordo entre o órgano de administración e o nova persoas socia de traballo.

    3.- O socio de traballo, durante o período en que se atope en situación de proba, ten os mesmos dereitos e obrigas derivadas da súa condición de persoa socia traballadora, coas seguintes excepcións:

    a) Pode resolver a relación de forma unilateral. A mesma facultade se lle recoñece ao órgano de administración.
    b) Non pode realizar achegas ao capital social nin satisfacer ningún tipo de cotas.
    c) Non responde das perdas sociais.
    d) Non percibe retorno cooperativo, se ben participará nos resultados positivos, quedando equiparada ás persoas traballadoras asalariadas.
    e) Non poden ser electoras nin elixibles para ocupar cargos nos órganos sociais.

    4.- Non procederá o período de proba no caso de que o nova persoa socia leve na cooperativa en condición de persoa traballadora asalariada, como mínimo, o tempo que corresponda a dito período. Se procedese o período de proba e se resolvese a relación por decisión unilateral de calquera das partes, entenderase renovada a relación xurídico laboral nas condicións existentes ao inicio daquel.

    5.- As persoas socias de traballo deberán participar na actividade cooperativizada que desenvolve o obxecto social da cooperativa, mediante o seu traballo persoal durante as horas e días do calendario laboral que fixe a asemblea xeral. O órgano de administración poderá liberar temporalmente de dita obriga á persoa socia que o solicite motivadamente, por causa xustificada.

    6.-Ás persoas socias de traballo da cooperativa resultaralle de aplicación as normas establecidas na Lei de cooperativas de Galicia para as persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado. Terán dereito a prestar o seu persoal traballo na cooperativa, así como a percibir periodicamente nun prazo non superior a un mes, o anticipo societario en contía similar ás retribucións da zona e do sector de actividade, segundo a súa categoría profesional, así como, se é o caso, o retorno cooperativo. En ningún caso este anticipo poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional en cómputo anual, tendo en conta a xornada laboral realizada dentro da legalidade vixente. As cantidades percibidas serano a conta dos resultados finais do exercicio da actividade económica da cooperativa. A efectos de seguridade social serán, en todo caso, asimilados a persoas traballadoras por conta allea.

    7.-O Regulamento de réxime interno regulará a organización básica do traballo que fará referencia a estrutura da empresa, clasificación profesional, mobilidade funcional e xeográfica, licencias retribuídas e excedencias. A asemblea xeral aprobará anualmente o calendario sociolaboral, que conterá, como mínimo, a duración da xornada de traballo, o descanso mínimo entre cada xornada e o descanso semanal, as festas e as vacacións anuais e as pausas dos socios de traballo, respectando as normas contidas no artigo 107 da Lei de cooperativas de Galicia.

    8.-Os delegados de prevención serán elixidos polos socios de traballo da cooperativa e de entre eles. En caso de existir asalariados na cooperativa, a designación realizarase conxuntamente polo total de socios de traballo e asalariados. Existirá como mínimo un delegado de prevención, incrementándose este número nos termos previstos na devandita lei.

    9.- O réxime de prestación de traballo posibilitará entre as persoas socias da cooperativa, a compatibilidade e a conciliación do seu exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes, e adoptará medidas que favorezan ás socias da cooperativa vítimas de violencia de xénero, en cumprimento das previsións establecidas na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro.

    10.- As persoas socias de traballo terán dereito a un período de excedencia nos termos fixados polo regulamento de réxime interno ou por acordo da asemblea xeral, que non poderá ser superior a seis meses cando supoñan deixar a cooperativa cun número de persoas socias inferior a tres.

    Os socios e socias en excedencia pasaran á situación prevista para as persoas socias excedentes, coa
particularidade de que estarán obrigados a realizar novas achegas ao capital social.
No caso de excedencia forzosa, teñen dereito á reserva do seu posto de traballo, e a súa incorporación producirase nun prazo non superior a un mes dende o cesamento da causa que a motivou.

    11.- Cando se produzan causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior que así o fagan necesario, poderase suspender temporalmente a prestación de traballo, coa perda dos dereitos e das obrigas económicas da dita prestación, conservando o resto. A asemblea xeral deberá declarar a causa, a necesidade e o tempo de suspensión, designando nominalmente as persoas socias afectadas. Ao cesar a causa, a persoa socia recobrará plenamente todos os seus dereitos e obrigas.

    12.- Cando a causa ou as causas obriguen a reducir con carácter definitivo o número de postos de traballo, seguirase o mesmo procedemento indicado no apartado anterior, cualificándose a baixa como xustificada, con dereito ao reembolso inmediato á persoa socia da súa achega ao capital social e con dereito preferente ao reingreso no prazo dos tres anos seguintes á baixa.

    No suposto de que as persoas socias que causen baixa obrigatoria sexan titulares das achegas de reembolso rexeitable e a cooperativa non acorde o reembolso inmediato destas, as persoas socias que permanezan na cooperativa deberán adquirir estas achegas no prazo máximo de seis meses a partir da data da baixa, nos termos que acorde a asemblea xeral.

    Notas á proposta de redacción:

    O período de proba non poderá ser superior a seis meses.
    No caso de que non estea prevista a existencia de achegas de reembolso rexeitable (das previstas no artigo 58.1.b) da Lei de cooperativas de Galicia), debe eliminarse o último parágrafo.)

  
    Art. 12.- Baixa voluntaria

    1.- A persoa socia poderá darse de baixa voluntariamente na cooperativa en calquera momento, mediante preaviso por escrito ao órgano de administración que deberá enviarse cunha antelación de ...... meses (O prazo non poderá ser superior a un ano.). A efectos do reembolso de achegas, a baixa entenderase producida ao termo do prazo de preaviso.

   O incumprimento do prazo de preaviso dará lugar á correspondente indemnización de danos e perdas, e a baixa será considerada como inxustificada, agás que o órgano de administración, baseándose nas circunstancias que concorran, a aprecie como xustificada.

    2.- Se a baixa entrañase o incumprimento do prazo de permanencia establecido nestes estatutos, sen xusta causa que cualifique a mesma de xustificada, a cooperativa poderá esixir á persoa socia participar nos termos nos que vén obrigada estatutariamente, ata o final do período comprometido, nas actividades ou servizos cooperativizados ou, no seu defecto, a esixirlle a correspondente indemnización de danos e perdas. (No caso de que os estatutos non prevean a existencia de compromiso de permanencia deberase eliminar este apartado, renumerando o resto.)
    En todo caso, a súa baixa será considerada como inxustificada, agás que o órgano de administración, baseándose nas circunstancias que concorran, a aprecie como xustificada.

    3.- Establécese (Esta penalización ten carácter voluntario . Para establécela debe constar expresamente nos estatutos sociais. Se non quere establecerse debe suprimirse o apartado.) como penalidade por incumprimento, do prazo de preaviso ou do período de permanencia (No caso de que os estatutos non prevean a existencia de compromiso de permanencia deberase eliminar  o seguinte texto:
.... ou do período de permanencia)
, o incremento dun 10% do importe resultante de aplicar as deducións previstas para o suposto de baixa non xustificada, sobre todas as cantidades reembolsables, incluído o retorno cooperativo e os fondos de reserva repartibles que, se é o caso, lle poidan corresponder á persoa socia. Esta penalización deducirase da contía que se fixe como indemnización por danos e perdas.

    4.- Para a cuantificación dos danos e perdas esixibles ás persoas socias polos incumprimento indicados nos anteriores apartados 1 e 2, fíxanse os seguintes criterios obxectivos: (A Lei permite establecer nos estatutos criterios obxectivos para cuantificar os danos e perdas esixibles. A título de exemplo indícase unha posible redacción:

    A contía dos danos e perdas será a resultante de multiplicar o número de meses, que lle resten a socio ou socia incumpridora para completar o prazo de preaviso e/ou período mínimo de permanencia, polo ..... % da contía media de facturación mensual de compras e ventas realizada polas persoas socias coa cooperativa durante o último exercicio económico. Entenderase como contía media, a estes efectos, a resultante de dividir o total de facturación das persoas socias entre o número de socios e socias que participan activamente na cooperativa.
    Nota á proposta de redacción: Débese establecer a porcentaxe que mellor se adapte ás características da cooperativa, tendo presente o principio de proporcionalidade.
No caso de non querer establecer os criterios de cuantificación debe suprimirse este apartado, renumerando o resto.)


    Art. 13.- Baixa obrigatora

    1.- Cesará obrigatoriamente a persoa socia que perda os requisitos esixidos para adquirir tal condición.

    A baixa obrigatoria será acordada polo Órgano de administración de oficio ou a petición de calquera persoa socia ou da interesada, previa audiencia da mesma.

    2.- A baixa obrigatoria terá a consideración de non xustificada cando a perda dos requisitos para adquirir a condición de persoa socia responda a un deliberado propósito desta de eludir obrigas ante a cooperativa ou beneficiarse indebidamente coa súa baixa obrigatoria.

    3.-Os socios e socias ordinarias que perdan os requisitos para adquirir tal condición, sen que fosen baixa obrigatoria ou fixesen uso da posibilidade de  adquirir a condición de persoa socia excedente, poderán ser requeridas polo órgano de administración, de forma fidedigna, para que a vista da súa situación se pronuncien ao respecto e, de non facelo, pasarán de forma automática á condición de cooperativista excedente, deixando a salvo o seu dereito a causar baixa en calquera momento.
(No caso de existencia de socios ou socias de traballo débese engadir este apartado:

    4.- No caso de socios ou socias de traballo que perdan definitivamente os requisitos para ser persoa socia na cooperativa, a baixa operará automaticamente sen necesidade de resolución expresa ao respecto por parte do órgano de administración, con independencia da obriga deste órgano de resolver no prazo de tres meses desde que tivese coñecemento sobre os efectos da baixa e dos recursos que corresponden á persoa socia con respecto ao acordo que se adopte para tal efecto.
Se a persoa socia incursa neste suposto de cesamento automático desempeña algún cargo en calquera dos órganos sociais da cooperativa, cesará automaticamente para todos os efectos neste, sen necesidade de ningún pronunciamento por parte da cooperativa. O cargo vacante deberá cubrirse segundo o establecido no artigo 45 da Lei de cooperativas de Galicia.

    Se a perda de requisitos da persoa socia traballadora non ten carácter definitivo, a baixa obrigatoria será acordada polo órgano de administración, de oficio, por petición de calquera persoa socia, en todo caso logo de darlle audiencia á persoa socia afectada.)



    Art. 14.- Cualificación e efectos da baixa
  
    1.- O órgano de administración deberá resolver sobre a cualificación e os efectos da baixa nun prazo máximo de tres meses desde que lle fose comunicada; pasado o dito prazo, a baixa entenderase como xustificada, agás no caso de incumprimento do prazo de preaviso ou do compromiso de permanencia.
Os acordos do órgano de administración sobre a cualificación e os efectos da baixa da persoa socia poderán ser impugnados ante a xurisdición competente, podendo ser obxecto de recurso previo ante a asemblea xeral (Se existe comité de recursos, o recurso deberá presentarse ante o mesmo e no mesmo prazo.), no prazo máximo de dous meses desde a notificación do acordo.

Art 15.- Normas de disciplina social

    1.- As faltas cometidas polas persoas socias, clasifícanse en moi graves, graves e leves. As moi graves e graves son as tipificadas nos presentes estatutos (A relación de faltas que se mencionan neste artigo son simplemente orientativas.)

    2.1. Son faltas moi graves:

    a) As operacións de competencia, o fraude nas achegas ao capital social, así como a manifesta desconsideración coas persoas integrantes dos órganos sociais ou coas persoas socias, que prexudique os intereses materiais e sociais ou o prestixio da cooperativa.

    b) A falsificación de documentos, firmas, cuños, selos, marcas, claves ou análogos.

    c) A non participación na actividade cooperativizada na contía mínima establecida nos presentes estatutos.

    d) Violar secretos da cooperativa que prexudiquen ou poidan prexudicar gravemente os intereses da mesma.

    e) A usurpación de funcións dos órganos sociais, de calquera dos seus cargos, da dirección e de traballadores ou traballadoras.

    f) O Incumprimento das obrigas económicas coa cooperativa, incluíndo o impago das achegas obrigatorias ao capital social.

    g) Prevalerse da condición de persoa socia para desenvolver actividades contrarias ás leis.

    h) Ter sido obxecto de sanción durante os últimos cinco anos por dúas faltas graves.

2.2.- Son faltas graves:

    a) A non asistencia inxustificada ás asembleas xerais debida e validamente convocadas, cando a persoa socia teña sido sancionada dúas veces por falta leve por non asistir ás reunións de tal órgano social nos últimos cinco anos. Así mesmo, a non asistencia a calquera dos restantes órganos sociais da cooperativa, cos mesmos requisitos que no caso anterior.

    b) A non asistencia inxustificada ás reunións dos órganos sociais, debidamente convocadas, para as que fora convocada aínda que non forme parte dos mesmos, cando a persoa socia teña sido sancionada dúas veces por falta leve por non ter acudido a tales convocatorias.

    c) Os malos tratos de palabra ou de obra ás persoas que formen parte de calquera órgano social, a outros socios e socias  ou a dirección, e a empregados ou empregadas da Sociedade.

    d) Non aceptar ou renunciar, sen causa xusta, aos cargos para os que fora elixido pola asemblea xeral.

    e) Ter sido sancionado ou sancionada por tres faltas leves durante os últimos cinco anos.

    2.3.- Son faltas leves:

    a) A falta de asistencia non xustificada ás reunións validamente convocadas da asemblea xeral.

    b) A falta de asistencia non xustificada ás reunións dos órganos sociais para os que fora debidamente convocada, aínda que non forme parte dos mesmos.

    c) A non asistencia xustificada das persoas socias ás reunións debidamente convocadas de calquera órgano social.

     d) A falta de notificación ao órgano de administración do cambio de domicilio da persoa socia, dentro dos dous meses seguintes dende que tal circunstancia se produza.

    e) Non observar as instrucións ditadas polos órganos competentes para a boa orde e desenvolvemento das operacións e actividades da cooperativa.

    Art 16.- Sancións e prescripción

    1.- As sancións que se poderán impoñer ás persoas socias pola comisión das faltas son:

    - Por faltas moi graves: Multa de ...... EUROS A ...... EUROS( Deben fixarse as contías mínimas e máximas das distintas sancións, tendo en conta que non deben solaparse, é dicir, que o límite máximo da sanción inferior non debe igualar ou superar ao límite mínimo da sanción superior. Pódense poñer as contías que se estimen oportunas. A título de exemplo reprodúcese unha posible cuantificación:

    -Por faltas moi graves: Multa de MIL DOUSCENTOS TRES EUROS a DOCE MIL VINTE EUROS, ou suspensión á persoa socia dos seus dereitos, ou expulsión.)
, suspensión á persoa socia dos seus dereitos, ou expulsión.

    - Por faltas graves: Multa de ...... EUROS a ........ EUROS (Deben fixarse as contías mínimas e máximas das distintas sancións, tendo en conta que non deben solaparse, é dicir, que o límite máximo da sanción inferior non debe igualar ou superar ao límite mínimo da sanción superior. Pódense poñer as contías que se estimen oportunas. A título de exemplo reprodúcese unha posible cuantificación:

    -Por faltas graves: Multa de TRESCENTOS UN EUROS a MIL DOUSCENTOS DOUS EUROS, ou suspensión á persoa socia dos seus dereitos.)
, ou suspensión á persoa socia dos seus dereitos .

    - Por faltas leves: Amoestación verbal ou escrita, ou multa de ........ EUROS A ....... EUROS (Deben fixarse as contías mínimas e máximas das distintas sancións, tendo en conta que non deben solaparse, é dicir, que o límite máximo da sanción inferior non debe igualar ou superar ao límite mínimo da sanción superior. Pódense poñer as contías que se estimen oportunas. A título de exemplo reprodúcese unha posible cuantificación:
    
    -Por faltas leves: Amoestación verbal ou escrita, ou multa de SESENTA EUROS a TRESCENTOS EUROS.)


2.- A sanción de suspender á persoa socia nos seus dereitos só poderá ser imposta no suposto de que o socio ou socia estea ao descuberto das súas obrigas económicas coa cooperativa ou non participe nas actividades cooperativizadas nos termos establecidos nestes estatutos.

    A suspensión dos dereitos á persoa socia , que finalizará no momento no que normalice a súa situación, non alcanzará ao dereito de información nin ao da asistencia á asemblea con voz pero sen voto, nin a devengar o retorno, nin ás remuneracións dos xuros polas súas achegas ao capital social nin á actualización delas.

    3.- As faltas reflectidas no artigo anterior prescribirán se son leves ao mes, se son graves aos dous meses e se son moi graves aos tres meses, contados dende que o órgano de administración tivo coñecemento da comisión das mesmas. En todo caso, prescribirán aos doce meses da data da súa comisión.

    Art 17.- Órgano sancionador e procedemento

    1.- A facultade sancionadora é competencia indelegable do órgano de administración, mediante expediente instruído ao efecto e audiencia do interesado ou interesada, que formalizará as súas alegacións por escrito.

    2.- Nos supostos de sanción, e sen prexuízo do seu carácter executivo, a persoa socia poderá recorrer no prazo de 30 días dende a súa notificación, ante a asemblea xeral. (  No caso de existir comité de recursos, o recurso interporase no mesmo prazo ante este órgano. )

    O recurso ante a asemblea xeral deberá incluírse como primeiro punto da orde do día da primeira que se realice, e  resolverase mediante votación secreta con audiencia previa do interesado ou interesada, podendo formalizarse esta mediante as súas alegacións por escrito. (No caso de existir comité de recursos, o parágrafo substituirase polo seguinte:
    "O recurso ante o comité de recursos deberá ser resolto con audiencia previa da persoa interesada nun prazo máximo de dous meses dende a data da súa presentación. Transcorrido dito prazo sen que se notificase a resolución, o recurso entenderase estimado.")


    O acordo de sanción ou, no seu caso, a ratificación do mesmo, poderá ser impugnado no prazo de dous meses dende a súa notificación ante a xurisdición ordinaria pola vía procesual establecida no artigo 40 da Lei de cooperativas de Galicia.

    Art 18.- Expulsión

    1.- A sanción de expulsión só poderá ser acordada polo órgano de administración por falta moi grave tipificada nos estatutos sociais, mediante expediente instruído ao efecto e con audiencia da persoa interesada, que formalizará as súas alegacións por escrito.

    2.- Cando a causa de expulsión sexa o encontrarse a persoa socia en descuberto das súas obrigas económicas, non operarán os prazos de prescrición establecidos no artigo anterior, podendo acordarse a expulsión en calquera momento, salvo que o socio ou socia regularice a súa situación durante a tramitación do expediente.

    3.- O procedemento sancionador axustarase ao establecido no artigo anterior, se ben o acordo de expulsión será executivo dende que sexa notificada a súa ratificación ou transcorra o prazo para recorrer. O acordo de expulsión poderá ser impugnado pola canle procesual establecida no artigo 40 da Lei de cooperativas de Galicia.

   ( No caso de existir persoas socias de traballo débese introducir o réxime disciplinario específico derivado das faltas de carácter laboral. Pódese facer mediante a incorporación dun artigo co seguinte contido:

    ARTIGO 18 BIS.- RÉXIME DISCIPLINARIO DE CARÁCTER LABORAL

    1.- As faltas cometidas polas persoas socias de traballo, atendendo a súa importancia, transcendencia ou malicia,  clasifícanse en moi graves, graves e leves. As moi graves e graves son as tipificadas nos presentes estatutos. As faltas leves, ademais das recollidas nos estatutos, poderán ser tipificadas tamén polo regulamento de réxime Interno ou por acordo da asemblea xeral.

    2.- Ás faltas de carácter societario das persoas socias de traballo resúltalle de aplicación a regulación prevista nestes estatutos para os socios ordinarios nos artigos anteriores.

    3.- Ás faltas de carácter laboral das persoas socias de traballo resúltanlle de aplicación as particularidades que se indican a continuación, resultando de aplicación supletoria o réxime previsto para as faltas societarias:

   3.1.- As faltas de carácter laboral clasifícanse en moi graves, graves e leves:

    3.1.1.- Son faltas laborais moi graves:

    a) O fraude, a deslealdade e o abuso de confianza na xestións encomendadas, así como calquera conduta constitutiva de delito.
    b) A manifesta insubordinación individual ou colectiva, incluída a agresión verbal e física.
    c) O falseamento voluntario de datos e información do servizo.
    d) A falta de asistencia ao traballo non xustificada durante máis de tres días ao mes.
    e) As faltas reiteradas de puntualidade non xustificada, durante dez días ou máis ao mes, ou durante máis de vinte días ao trimestre.
    f) A ocultación de datos relevantes respecto dos útiles, ferramentas, proceso produtivo ou servizos.

    3.1.2.- Son faltas laborais graves:

    a) Os malos tratos de palabra ou de obra a outras persoas socias de traballo ou a outros asalariados ou asalariadas da cooperativa con ocasión da prestación do traballo.
    b) A falta de disciplina no traballo ou de respecto aos administradores e administradoras.
    c) O incumprimento das ordes e instrucións do órgano de administración e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servizo.
    d) A desconsideración co público no exercicio do traballo.
    e) O incumprimento das normas e medidas de seguridade e saúde laboral establecidas, cando do mesmo poidan derivarse riscos para a saúde e a integridade física das persoas socias de traballo ou do persoal asalariado.
    f) A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada durante tres días ao mes.
    g) As faltas repetidas de puntualidade inxustificada durante máis de cinco días ao mes.
    h) O abandono do traballo sen causa xustificada.
    i) A simulación de enfermidade ou accidente.
    j) A diminución continua e voluntaria no rendemento normal do traballo.
    k) A utilización ou difusión indebida de datos ou asuntos dos que se teña coñecemento por razón do traballo na cooperativa.

    3.1.3.- Son faltas laborais leves:

    a) A incorrección leve co público, con outras persoas socias de traballo ou con asalariados e asalariadas da cooperativa.
    b) O atraso, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.
    c) Non comunicar coa debida antelación a falta de asistencia ao traballo por causa xustificada, a non ser que a persoa socia probe a imposibilidade de facelo.
    d) A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada durante un ou dous días ao mes.
    e) As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, un ou dous días ao mes.
    f) As faltas que se tipifiquen no regulamento interno, ou por acordo da asemblea xeral.

    3.1.4.- As sancións que se poderán impoñer ás persoas socias de traballo pola comisión das faltas son as mesmas que as establecidas para os socios ordinarios.

    3.1.5.- Nos supostos de sanción por falta de carácter laboral, o acordo de sanción poderá impugnarse ante a asemblea xeral no prazo de 15 días desde a súa notificación.
    A asemblea xeral resolverá no prazo de dous meses por votación secreta, e previa audiencia do interesado ou interesada. Se non recaese resolución expresa nos prazos establecidos, os recursos interpostos entenderanse estimados.

    Desde que o acordo sexa executivo poderá instarse a súa revisión ante a xurisdición da orde social.

    3.1.6.- Os acordos de expulsión derivados de faltas de carácter laboral unicamente poderán ser impugnados ante a asemblea xeral e, se ben será executivo cando sexa ratificado ou transcorrese o prazo para recorrer, a cooperativa poderá suspender á persoa socia no seu emprego, conservando esta todos os seus dereitos económicos. Se non recaese resolución expresa nos prazos establecidos os recursos interpostos entenderanse estimados.

    Desde que o acordo sexa executivo poderá instarse a súa revisión ante a xurisdición da orde social, que tamén resolverá sobre a transcendencia económica do período de tramitación.)



    Art. 19.- Socios a proba

    1.- A Cooperativa poderá admitir persoas socias a proba, por un prazo non superior en tal condición a 12 meses dende a súa admisión.

    A solicitude formalizarase pola interesada por escrito que deberá dirixirse ó órgano de administración da sociedade, quen deberá resolver motivadamente dentro do prazo de dous meses contados dende o seguinte á recepción do escrito,  sinalando o prazo máximo no que a persoa socia permanecerá en tal condición, forma de terminación da mesma, así como indicación dos dereitos e obrigas que lle corresponden, e achega dunha copia dos estatutos sociais. Se o órgano de administración non resolvese no prazo indicado, a solicitude  entenderase denegada.
Contra o acordo denegatorio da solicitude, ou se o órgano de administración non resolvese no prazo sinalado, non caberá recurso ningún.

    2.- Transcorrido o prazo da situación a proba, e sen denuncia escrita previa da cooperativa ou da persoa socia a proba, esta virá obrigada a desembolsar a achega obrigatoria para ser persoa socia e, no seu caso, a cota de ingreso, momento no que adquirirá a condición de socio ou socia indefinida con todos os dereitos e obrigas inherentes a ela.

   A achega obrigatoria e, no seu caso, a cota de ingreso, será a mesma tanto en cantidade como forma, que se veña aplicando no momento do vencemento do prazo a proba.

    Se vencido o prazo concedido en tal condición a persoa socia a proba non desembolsase tales conceptos no prazo de 15 días contados dende que a cooperativa a requira, entenderase a todos os efectos que resolveu a súa relación coa cooperativa, sen posibilidade de recurso ningún ante os órganos sociais da mesma.

    3.- As persoas socias a proba teñen os mesmos dereitos e obrigas que as demais, agás:

a) Non pode realizar achegas ao capital social, nin satisfacer ningunha cota.

    b) Poden resolver a relación de forma unilateral. A mesma facultade ten o órgano de administración.

    c) Non responden das perdas sociais, nin perciben retorno cooperativo.

    d) Non poden ser electoras nin elixibles para ocupar cargos nos órganos sociais.

    4.- O total de persoas socias a proba que exista en cada momento na Cooperativa, non poderá superar máis dun quinto do total de socios e socias da mesma.

    Art. 20.- Persoa oscia excedente

    1.- O órgano de administración da cooperativa poderá conceder a condición de persoa socia excedente a aqueles socios e socias que por causa xustificada deixen de selo, mediante solicitude dirixida a  tal órgano social, que deberá resolver nun prazo máximo de dous meses. Transcorrido este prazo sen resolución expresa entenderase admitida a solicitude.

    No caso de ser admitido na condición de persoa socia excedente, non poderán solicitar o reembolso das súas achegas ao capital social mentres permanezan en tal condición e non estarán obrigados a realizar novas achegas ao capital social.

    Se a persoa socia excedente volvese a reunir as condicións e os requisitos para ser socio ou socia activa, poderá solicitalo do órgano de administración, quén autorizará de inmediato a recuperación de tal condición con todos os dereitos e obrigas inherentes a ela. En todo caso a súa baixa terá sempre a consideración de xustificada.

    2.- As persoas socias excedentes rexeranse, ademais, polas seguintes normas:

    a) Teñen dereito a recibir os xuros que acorde a asemblea xeral, e ao reembolso das súas achegas nas mesmas condicións e prazos que para o resto dos socios e socias.
    b) Non terán dereito ao retorno cooperativo, se ben poderán utilizar os servizos da cooperativa en canto resulte legalmente compatible coa súa condición persoal.
    c) Non poderán formar parte dos órganos sociais, nin do comité de recursos, pero poderán participar na asemblea xeral, con voz e voto.

    Art. 21.- Persoa socia colaboradora (A redacción proposta recolle a figura da persoa socia que unicamente realiza achegas ao capital, se ben o artigo 29 da lei de cooperativas de Galicia, permite outro tipo de colaboracións: persoa socia que colabore na consecución do obxecto social, neste caso deberá concretarse a colaboración e si pode cobrar ou non retorno, entre outros aspectos que se consideren oportunos. No suposto de non recoller esta figura nos estatutos suprimiríase este artigo e renumeraríanse os artigos seguintes.)

    1.- Poderán ser socios e socias da cooperativa, en calidade de socios ou socias colaboradoras, aquelas persoas físicas o xurídicas, públicas ou privadas que, sen poder realizar plenamente o obxecto social da cooperativa, poidan colaborar na súa consecución.

    2.- A achega obrigatoria mínima para ser persoa socia colaboradora, será de ...... (Indicar a cantidade en euros, que poderá ser diferente ao resto de tipos de persoas socias.), e a máxima, será a que acorde a asemblea xeral. Esta achega deberá desembolsarse na súa totalidade para adquirir a condición de socio ou socia colaboradora.

    3.- Poden ser persoas socias colaboradoras as persoa físicas e xurídicas e as comunidades de bens, que subscriban e desembolsen as achegas previstas e que queiran colaborar na consecución dos obxectivos da cooperativa. (Pódense engadir outros requisitos adicionais que orienten o tipo de colaboración que se lle esixe a este tipo de socios ou socias. )

    4.- As persoas socias colaboradoras da cooperativa teñen os seguintes dereitos:

    a) Ser elector e elixible para os cargos dos órganos sociais da Sociedade.
    b) Presentar propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos nas reunións dos órganos sociais dos que forme parte.
    c) A recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
    d) Á actualización e devolución das achegas ao capital social, así como a percibir, no seu caso, xuros polas mesmas.
    e) As persoas socias que aporten exclusivamente capital, percibirán, de ser o caso, o  xuro que acorde a asemblea xeral, sen que poida ser inferior ao que perciban as demais persoas socias, nin superior en máis de seis puntos ao  xuro  legal do diñeiro.
    f) Ao dereito de información nos termos establecidos no artigo 23 da Lei de cooperativas de Galicia.
    g) A todos os demais dereitos establecidos nas Leis, nestes estatutos sociais ou polos acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

    5.- Os socios e socias colaboradores teñen as seguintes obrigas:

    a) Asistir ás reunións da asemblea xeral e dos demais órganos para os que fose convocado ou convocada.
    b) Non realizar actividades competitivas coas propias desenvoltas pola cooperativa salvo autorización expresa do órgano de administración.
    c) Gardar secreto sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa que coa súa divulgación poidan prexudicar aos intereses da mesma.
d) Desembolsar as súas achegas ao capital social nas condicións establecidas nos presentes estatutos. Así como desembolsar as cotas de ingreso acordadas, nos seu caso, pola asemblea xeral.
    e) Aceptar os cargos para os que fosen elixidos ou elixidas, salvo xusta causa de escusa.
    f) Cumprir con calquera outro deber legal ou estatutario, así como cos acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

    6.- O réxime de baixa será o establecido para as persoas socias nestes estatutos.

    7.- O conxunto destes socios e socias, salvo que sexan sociedades cooperativas, non poderá superar un terzo de membros do consello reitor, sen que en ningún caso poidan desempeñar os cargos da presidencia e vicepresidencia do mesmo.

    8.- O número máximo persoas socias colaboradoras non excederá  dun terzo do total de socios e socias da cooperativa.

    9.- Tamén poderán ser socias colaboradoras aquelas cooperativas coas que se subscriba un acordo de colaboración intercooperativo.

    10.- Os socios e socias colaboradoras non poderán desenvolver activida-des cooperativizadas en competencia coas que desenvolva a Cooperativa.


                             CAPÍTULO III
                          Dos Órganos Sociais


                              Sección Primeira
                             Da asemblea xeral


   Art. 22.- Composición e clases

    1.- A asemblea xeral, como órgano supremo de expresión da vontade social, é a reunión das persoas socias constituída co obxecto de deliberar sobre a política xeral da cooperativa e adoptar acordos sobre aqueles asuntos que, en virtude da Lei de cooperativas de Galicia ou destes estatutos, sexan da súa competencia, vinculando as súas decisións adoptadas validamente a todas as persoas socias da cooperativa.

    2.- As asembleas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias.

    3.- A asemblea xeral ordinaria ten por obxecto principal examinar a xestión social, aprobar, se procede, o plan empresarial e as contas anuais e resolver sobre a proposta de distribución de excedentes ou a imputación de perdas, e poderase incluír na orde do día da súa convocatoria calquera outro asunto propio da súa competencia. Todas as demais asembleas terán o carácter de extraordinarias.

    Art. 23.- Compentencias

    1.- Corresponde en exclusiva á asemblea xeral a adopción dos seguintes acordos:

    a) A aprobación do plan empresarial da cooperativa, presentado polo órgano de administración, que será o responsable da súa xestión e execución.
    b) O nomeamento e revogación, mediante votación secreta, das persoas integrantes dos órganos sociais, así como o exercicio da acción de responsabilidade contra elas. (No caso de que exista comité de recursos, tamén se deberá citar este órgano.)
    c) O nomeamento e a revogación da auditoría de contas.
    d) O exame da xestión social, a aprobación das contas anuais e a distribución de excedentes ou imputación de perdas.
    e) O establecemento de novas achegas obrigatorias ou voluntarias, a fixación de xuros que lles puidesen corresponder, e a actualización das mesmas.
    f) A emisión de obrigas, títulos participativos ou outros tipos de participacións que puideran establecerse ou de calquera outro título admitido en dereito.
    g) A aprobación ou modificación do regulamento de réxime interno da cooperativa.
    h) O establecemento ou modificación das cotas de ingreso e periódicas.
    i) A constitución de cooperativas de segundo grao e doutras formas de participación económica, así como a adhesión ou separación delas.
    j) A modificación dos estatutos.
    k) A fusión, escisión, transformación, disolución e liquidación da sociedade.
    l) A creación de seccións e a aprobación e modificación, no seu caso, dos seus regulamentos de réxime interno.
    m) A cesión ou alleamento da sociedade ou de parte dela, ou calquera outra decisión que supoña unha modificación substancial da estrutura económica, social, organizativa ou funcional dela.
    n) Todos os demais acordos nos que así o estableza a Lei ou os estatutos (As competencias da asemblea xeral poden ampliarse nos estatutos, pero sempre tendo en conta o establecido no artigo 31.2 da Lei de cooperativas de Galicia.).

    2.- A asemblea xeral poderá debater sobre cantos asuntos sexan de interese para a cooperativa, sempre que consten na orde do día, pero unicamente poderá adoptar acordos obrigatorios en materias ou asuntos que a Lei de cooperativas de Galicia non considere competencia exclusiva doutros órganos sociais.

    3.- A competencia da asemblea xeral sobre aqueles asuntos e actos nos que o seu acordo é preceptivo por imperativo legal, ten carácter indelegable.

    Art 24.- Convocatoria

   1.- A asemblea xeral será convocada polo órgano de administración, que fixará a orde do día da convocatoria.

   Cando un número de persoas socias que represente o 5% ou acade a cifra de 100,(No caso de existir órgano de intervención deberá substituírse esta frase inicial pola seguinte:
Cando o órgano de intervención ou un número de persoas socias que represente o 5% ou acade a cifra de 100,...)
propoñan por escrito, con antelación á convocatoria dunha asemblea xeral, asuntos para introducir na orde do día desta, estes deberán ser incluídos polo órgano de administración na primeira que teña lugar. Non se poderán incorporar novos asuntos na orde do día unha vez convocada a asemblea.

    2.- A asemblea xeral ordinaria será convocada dentro dos seis primeiros meses seguintes á data de pechamento do exercicio social. Se transcorre o dito prazo sen que tivese lugar a convocatoria, (No caso de existir órgano de intervención, tamén se deberá facer constar que este órgano deberá requirir fidedignamente ao órgano de administración para que proceda a efectuar a convocatoria, e se este non a convoca en prazo, o órgano de intervención estará facultado para solicitar a convocatoria xudicial)  calquera persoa socia poderá requirir fidedignamente ao órgano de administración que proceda a efectuala. Se este non a convoca no prazo de quince días, contados desde a recepción do requirimento, calquera persoa socia poderá solicitarlla ao xulgado competente do domicilio social, que deberá convocala, designando quen a deba presidir. Neste caso producirase a destitución inmediata do órgano de administración, e procederase á súa nova elección.

    3.- A asemblea xeral extraordinaria reunirase en calquera momento por iniciativa propia do órgano de administración (No caso de existir órgano de intervención debe indicarse que a asemblea xeral extraordinaria, tamén se reunirá a petición deste órgano.) ou por petición de persoas socias que representen polo menos o 20% do total de votos sociais ou 100 persoas socias, efectuada por medio dun requirimento fidedigno ao órgano de administración que inclúa a orde do día cos asuntos e coas propostas a debate. Se a asemblea xeral non fora convocada no prazo de trinta días, contados desde a recepción da solicitude, calquera persoa socia poderá solicitar convocatoria xudicial conforme o previsto no número anterior

    Art. 25.- Forma da convocatoria
    
    1.- A asemblea xeral convocarase mediante anuncio exposto publicamente no domicilio social da cooperativa e en cada un dos centros nos que desenvolva a súa actividade, así como por medio de carta ao domicilio da persoa  socia. (Pódense regular outras formas de publicidade complementarias para facilitar  o seu coñecemento por todas as persoas socias.)

    A convocatoria farase pública cunha antelación mínima de 15 días no suposto de asembleas ordinarias e de 10 días no de extraordinarias, e cun máximo de dous meses á data de celebración da asemblea xeral.

     2.- A convocatoria indicará polo menos, a data, hora e lugar de reunión, en primeira e segunda convocatoria, sendo o intervalo entre unha e outra  de media hora, e expresará con claridade, precisión e suficiente detalle os asuntos que compoñen a orde do día, así como a documentación relativa a ela, que poderá examinarse no domicilio social da cooperativa.

    Art. 26.- Constitución e funcionamento da Asemblea

    1.- A asemblea xeral, salvo que teña o carácter de universal, celebrarase na localidade onde radica o domicilio social da cooperativa. (Nos casos en que exista causa que o xustifique poderase fixar, con carácter xeral, outros lugares de reunión ou os criterios que seguirá o órgano de administración para a determinación do lugar da súa realización.)

    2.- A asemblea quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes e representados a maioría dos votos sociais, e en segunda cando estean presentes e representados como mínimo o 10 por 100 dos votos ou 100 votos. (Para a segunda convocatoria pódese fixar un quórum superior, sen superar o establecido para a primeira. Tamén se pode establecer que, calquera que sexa o número de cooperativistas presentes ou representados na asemblea, esta quedará validamente constituída na segunda convocatoria.)
    Serve acadar estes quórums ao comezo da sesión para que a presidencia a declare validamente constituída.

    3.- Terán dereito a asistir á asemblea xeral aquelas persoas socias que o sexan na data de realización daquela.

    As persoas socias poderán asistir por medios telemáticos que garantan debidamente a súa identidade.
    Na convocatoria determinaranse os prazos, as formas e os modos de exercicio dos dereitos por aqueles que asistan telematicamente á asemblea.

    4.- Presidirá a asemblea xeral a presidencia do consello reitor, e na súa ausencia a vicepresidencia do mesmo órgano, e en defecto de ambos quen elixa a asemblea xeral de entre as persoas socias presentes.(Pódese establecer outras fórmulas para designar a presidencia da asemblea xeral.)

    5.- A secretaría da asemblea xeral será quen exerza tal función no consello reitor, e no seu defecto quen acorde a asemblea de entre as persoas socias presentes na mesma. (Pódese establecer outras fórmulas para designar a secretaría da asemblea xeral.)

    6.- Cando na orde do día figuren asuntos que afecten directamente  á presidencia ou á secretaría da asemblea, esta virá obrigada a elixir de entre as persoas socias presentes ás persoas que as substitúan en tal función.

    7.- As votacións serán secretas nos supostos establecidos nos presentes estatutos ou na Lei de cooperativas de Galicia, ademais naqueles en que, a solicitude de calquera persoa socia, o acorden mediante votación o 10 por 100 dos votos sociais presentes e representados na asemblea.

    8.- Serán nulos os acordos sobre asuntos que non consten na orde do día, salvo o de convocar unha nova asemblea xeral, prorrogar a sesión, destituír ou revogar a calquera membro dos órganos sociais, conforme ao establecido no artigo 45, apartado 3, da Lei de cooperativas de Galicia, e acordar o exercicio da acción de responsabilidade contra as persoas que formen parte de tales órganos, así como solicitar auditoría externa da sociedade.

    9.- A asemblea xeral ou o órgano de administración poderá autorizar a asistencia sen dereito a voto, de persoas das que a súa presenza resulte de interese para o bo funcionamento da cooperativa.

    10.- O órgano de administración poderá requirir a presenza de notario ou notaria para que levante acta da asemblea xeral, que terá o carácter de acta única da mesma, e estará obrigado a facelo sempre que, con cinco días de antelación ao previsto para a súa celebración, o soliciten como mínimo o 10 por 100 das persoas socias ou 100 votos sociais. Os honorarios serán por conta da cooperativa.

    En todo caso, calquera socio poderá esixir a presenza de notario ou notaria na asemblea para dar fe do que alí ocorra, e non terá outra eficacia que a derivada do propio instrumento público e os seus honorarios serán satisfeitos por quen requirise a súa presenza.

    Art. 27.- Dereito de voto

    1.- Cada persoa socia ten dereito a un voto. En ningún caso existirá voto dirimente ou de calidade. (Nas cooperativas do mar, se os estatutos o prevén e regulan, as persoas socias poderán ter dereito a voto plural ponderado en proporción ao volume de actividade cooperativizada que desenvolvan coa cooperativa que, en todo caso, non poderá ser superior a 5 votos sociais, sen que número total do conxunto de votos plurais supere o 25% dos votos sociais da cooperativa, incrementándose estes na correspondente porcentaxe. Neste suposto, os Estatutos deberán fixar con claridade o criterio de proporcionalidade do dereito de voto plural. Unha posible redacción para o suposto de introducir o sistema de voto plural na cooperativa sería a seguinte, que substituiría ao apartado número 1 do modelo na súa integridade:

    1.- Cada persoa socia ten dereito a un voto. En ningún caso existirá voto dirimente ou de calidade.
Non obstante o anterior, existirá na cooperativa o sistema de voto plural ponderado, en función do volume de facturación por compras e vendas de cada persoa socia coa cooperativa, seguíndose na súa aplicación e imputación o sistema establecido na Lei D´Hont, co limite máximo de cinco votos por persoa socia. En ningún caso o conxunto total de votos plurais ponderados poderá superar o 25 por 100 dos votos sociais da cooperativa, incrementándose estes na correspondente porcentaxe.
    A estes efectos, o voto plural ponderado para cada exercicio será establecido todos os anos na asemblea xeral ordinaria, en función do  volume total de facturación de compras e ventas de cada persoa socia coa cooperativa realizadas durante o último exercicio económico finalizado e cuxas contas son presentadas para a súa  aprobación por parte da asemblea. A proposta que realizará o órgano de administración, deberá ser notificada ás persoas socias na mesma convocatoria da asemblea xeral ordinaria.
    Para o calculo do voto plural ponderado, en primeiro lugar establecerase o número de votos plurais a imputar ou repartir entre as persoas socias, que será o resultado de multiplicar o número total de votos sociais unitarios, computados a razón dunha persoa socia un voto, polo 25%, considerando ao número enteiro que resulte como a cantidade de votos plurais que deben repartirse entre as persoas socias.
    Unha vez coñecida a cantidade total de votos plurais que se deben adxudicar, utilizarase o sistema establecido pola Lei D´Hont, para a imputación dos votos plurais aos socios que lles correspondan, procedendo do seguinte xeito:

    1º) Formarase unha lista ordenada de todas as persoas socias coa súa facturación por orde de importancia.
    2º) Dividirase a cifra de facturación de cada un deles por 1, 2, 3, e 4,  formando unha táboa para cada cociente.
    3º) Asignaranse os votos plurais ás persoas socias que conten cos cocientes máis altos resultantes. A aquela que lle corresponda un primeiro voto plural en razón ao seu cociente,  corresponderalle un segundo voto plural cando seguindo a orde descendente conte co cociente seguinte pola súa importancia, en razón aos fixados nas catro táboas dos cocientes mencionadas e así sucesivamente, ata asignar a totalidade dos votos plurais correspondentes ao exercicio.
    As controversias sobre a atribución do voto plural ponderado resolveranse pola asemblea xeral antes de entrar no desenvolvemento da orde do día.
    Os acordos de modificación de estatutos sociais relativos a existencia do voto plural deberán ser adoptados pola asemblea xeral por máis da metade dos votos validamente expresados, non sendo computables para estes efectos os votos en branco nin as abstencións. A persoa socia desconforme co acordo adoptado terá dereito a separarse da cooperativa nos termos establecidos no artigo 74.3 da Lei de cooperativas de Galicia, tendo a súa baixa a consideración de xustificada.

    É importante sinalar que o voto plural unicamente se pode atribuír en función do volume da actividade cooperativizada da persoa socia coa cooperativa.

    No caso de existir socios de traballo débese facer constar que lle corresponderá a cada socio de traballo un voto, sen que poida aplicárselle o voto plural.)
    

    2.- O conxunto total dos votos das persoas socias excedentes, colaboradoras e a proba,  non poderá superar mais dun terzo dos votos sociais da cooperativa. (A aplicación desta limitación de votos require dunha mecánica complexa que, para maior claridade, pode reflectirse nos estatutos utilizando o seguinte texto orientativo:
    
    Con anterioridade a convocatoria da asemblea xeral  o órgano de administración realizará a proposta de atribución da proporción de voto, utilizando o seguinte procedemento:
Sumaranse o número de votos das persoas socias ordinarias, incluíndo os votos plurais de existir, e dividirase a cantidade resultante entre tres, o resultado obtido dividirase a súa vez entre o número de persoas socias a proba, excedentes ou colaboradoras, o que abrirá dúas posibilidades:

    1ª) Se o resultado é igual ou superior a un, a cada persoa socia a proba, excedente ou colaboradora corresponderalle un voto. O número total de votos sociais neste suposto será equivalente ao número total das persoas socias de calquera clase, máis os votos plurais de ser o caso.
    
    2ª) Se o resultado fose inferior á unidade, adxudicarase a cada unha destas persoas socias a proba, excedentes ou colaboradoras ese resultado como proporción de voto unitario, co que participará cada unha delas nas votacións da asemblea xeral. O número total de votos sociais será, neste caso, o resultado de incrementar os votos das persoas socias ordinarias, sumados os votos plurais de ser o caso, nun terzo.
    A proposta que realizará o órgano de administración, deberá ser notificada ás persoas socias na mesma convocatoria da asemblea xeral ordinaria. As controversias sobre a atribución da proporción de voto resolveranse pola asemblea xeral antes de entrar no desenvolvemento da orde do día.

    No caso de que existan persoas socias de traballo, deberase indicar que se trataran como se fosen persoas socias ordinarias a efectos deste computo, agás no que respecta a atribución do voto plural.

     A título de exemplo indícanse as operacións precisas para calcular o voto que corresponde a unha persoa socia colaboradora, excedente ou a proba (en adiante persoas socias CEP), en dous supostos determinados:

    1º) Cooperativa con 110 persoas socias, 90 ordinarias e 20 persoas socias CEP:

    - Número de persoas socias ordinarias: 1/3 =  Número máximo de votos que poden distribuírse entre persoas socias CEP              
    90: 1/3= 30

    - Número máximo de votos que poden distribuírse entre persoas socias CEP : Número de persoas socias CEP = Proporción de voto
    30:20= 1,5

    -  En consecuencia cada unha das persoas socias CEP terá dereito a 1 voto dado que o resultado é superior a 1, e o número total de votos sociais será de 110 (90+20).

    2º) Cooperativa con 110 persoas socias, 60 ordinarias e 50 persoas socias CEP:

     -  Número de persoas socias ordinarias: 1/3 =  Número máximo de votos que poden distribuírse entre persoas socias CEP              
    60: 1/3= 20

   -  Número máximo de votos que poden distribuírse entre persoas socias CEP : Número de persoas socias CEP = Proporción de voto
    20:50= 0,4

    -  En consecuencia cada unha das persoas socias CEP terá dereito a 0,4 votos, e o número total de votos sociais será de 80 (60+20).)


    3.- Cando a asemblea delibere e acorde sobre expedientes disciplinarios, a persoa socia afectada por dito expediente deberá absterse de votar, así como para o caso de conflito de intereses entre a persoa socia e a cooperativa, dos relacionados no artigo 49 da Lei de cooperativas de Galicia. (Con independencia do texto proposto, pódense contemplar outros supostos de conflito de intereses por razón do asunto obxecto do acordo nos cales a persoa socia afectada deberá absterse de votar.)

    4.- (Se non se desexa que as persoas socias sexan representadas por outras ou por familiares, débese eliminar todo ou parte do apartado, segundo o caso.) Os socios e socias poderán facerse representar por outras persoas socias, polo seu cónxuxe, ou polos seus parentes ata o terceiro grao de consanguinidade ou segundo por afinidade, con plena capacidade de obrar, autorizándoas por escrito autógrafo ou poder especial subscrito polo representado ou representada para cada asemblea, verificada tal representación polo presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria da asemblea (No caso de existir órgano de intervención debe substituírse este último inciso polo seguinte:

    ... verificada tal representación polo órgano de intervención da cooperativa ou, na súa falta, polo presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria da asemblea.)
.

   Ningunha persoa socia poderá ter máis de dúas representacións, ademais da súa. A representación conferida entenderase revogada se o socio ou socia asiste á asemblea xeral para a que concedeu a representación.

    Art. 28.- Adopción de acodos

    1.- Os acordos da asemblea xeral, salvo nos supostos establecidos nestes estatutos ou na Lei de cooperativas de Galicia, serán adoptados por máis da metade dos votos validamente expresados, non sendo computables a estes efectos nin os votos en branco nin as abstencións.
    A mesma maioría (Pódese elevar  a maioría necesaria aos dous terzos dos votos presentes e representados.) requirirase para acordar a imposición de novas achegas obrigatorias ao capital social e o establecemento ou modificación de cotas de ingreso ou periódicas.

    2.- Requirirase a maioría de dous terzos dos votos presentes e representados para a adopción de acordos sobre modificación de estatutos, fusión, escisión, transformación, disolución e reactivación da sociedade, agás para a adopción de acordos  relativos a existencia do voto plural que deberán ser adoptados pola asemblea xeral por máis da metade dos votos validamente expresados, non sendo computables para estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

    3.- Os acordos adoptados pola asemblea xeral producirán os efectos que lle son propios dende o momento da súa adopción.

    Art. 29.-Impugnación de acordos da asemplea xeral.

    1.- Os acordos da asemblea xeral que sexan contrarios a Lei, se opoñan a estes estatutos ou lesionen en beneficio de unha ou máis persoas socias, ou de terceiras persoas, os intereses da cooperativa, poderán ser impugnados segundo as normas establecidas no artigo 40 da Lei de cooperativas de Galicia.

    2.- As persoas integrantes do órgano de administración (No caso de existir órgano de intervención debe indicarse que tamén este órgano está obrigado a exercer as accións de impugnación) están obrigados a exercer as accións de impugnación contra os acordos sociais, cando sexan contrarios a Lei ou se opoñan aos estatutos.

    3.- Para o exercicio de accións de impugnación de acordos anulables están lexitimadas as persoas socias que asistiron á asemblea que fixesen constar na acta a súa oposición ao acordo adoptado ou o seu voto en contra do mesmo, as persoas socias ausentes e as que fosen ilexitima-mente privadas de emitir o seu voto.

    Para o exercicio de accións de impugnación de acordos nulos están lexitimadas todas as persoas socias e as terceiras persoas que acrediten interese lexítimo.

    4.- A acción de impugnación de acordos nulos caducará polo transcurso dun ano, dende a data de adopción do acordo ou dende a súa inscrición no rexistro de cooperativas. A acción de impugnación de acordos anulables caducará transcorrido un mes, dende a súa adopción ou inscrición.


                         Sección Segunda
                     Do órgano de administración


    Art. 30.- OS ADMINISTRADORES: NATUREZA E COMPETENCIAS (No caso de existir órgano de intervención debe indicarse que tamén este órgano está obrigado a exercer as accións de impugnación)

    1.- O consello reitor é o órgano de goberno, xestión e representación da cooperativa, con suxeición á Lei, aos estatutos e á política xeral fixada pola asemblea xeral, sen prexuízo do establecido a este respecto no artigo 31, apartado 2, da Lei de cooperativas de Galicia, exercendo, ademais, todas aquelas facultades que non lle estean reservadas por tal Lei ou polos estatutos a outro órgano social.

    2.- A representación atribuída ao órgano de administración estenderase en xuízo e fóra del a todos os asuntos concernentes á cooperativa. Calquera limitación ás súas facultades establecida nos estatutos non poderá facerse valer fronte a terceiras persoas.

    3.- O presidente ou presidenta do consello reitor, que o será tamén da cooperativa, terá a representación legal dela, sen prexuízo de incorrer en responsabilidade se a súa actuación non se axusta aos acordos da asemblea xeral ou do propio consello.

    4.- O consello reitor poderá nomear por maioría de dous terzos das persoas que o integren e de entre elas, a conselleiros delegados ou conselleiras delegadas (A figura do conselleiro ou conselleira delegada é de carácter voluntario, de tal modo que só pode existir se ven expresamente prevista nos estatutos sociais.) , persoas físicas, con facultades xerais referidas exclusivamente ao xiro e tráfico empresarial ordinario da cooperativa.

    En ningún caso poderá ser obxecto de delegación a rendición de contas e a presentación do balance á asemblea xeral, así como aquelas outras facultades que con carácter de indelegables veña establecido polos estatutos ou pola lei de cooperativas de Galicia. O nomeamento e cese, así como as facultades conferidas, constarán na escritura pública e deberán inscribirse no rexistro de cooperativas competente.

    5.- Coa excepción das facultades que, por disposición legal ou estatutaria, sexan indelegables dos órganos sociais, o órgano de administración poderá conferir apoderamentos xerais ou singulares, así como proceder á súa revogación, a calquera persoa física, cuxas facultades representativas, de xestión e/ou de dirección, referidas ao xiro e tráfico ordinario da cooperativa, serán as outorgadas na escritura pública de poder, que deberá ser inscrita no correspondente rexistro de cooperativas.

    Art. 31.- Composicion

    1.- O consello reitor componse de........ (O número de membros non poderá ser inferior a tres, debendo existir en todo caso un presidente ou presidenta, un vicepresidente ou vicepresidenta e un secretario ou secretaria, agás nas cooperativas de tres persoas socias que acorden a existencia do órgano de intervención, nomeando unha persoa socia para o cargo, suposto no que o consello estará formado por dúas persoas, non existindo o cargo de vicepresidente ou vicepresidenta.)membros titulares.(Pódese establecer un número variable de membros do consello reitor, entre un mínimo e un máximo. Neste caso, a redacción do texto sería a seguinte:

".... - O consello reitor está composto por un mínimo de tres e un máximo de ..... membros titulares. En todo caso existirán os cargos de presidente ou presidenta, vicepresidente ou vicepresidenta e secretario ou secretaria, e o resto serán vocais, numerados de 1 ata, o ...."

    Igualmente se pode establecer a existencia de suplentes indicándoo expresamente e numerándoos para facilitar a súa identificación e a orde de suplencia. Unha posible redacción sería a seguinte:

    Existirán ..... suplentes para vacantes definitivas do consello reitor numerados por orde de prelación da substitución, do seguinte xeito: suplente 1º, suplente 2º, suplente 3º.... )


    2.- Os cargos do consello reitor son: presidencia, vicepresidencia, secretaría,  vogal 1º, vogal 2º ...... e ....... .

    3.- No caso de que a cooperativa teña contratadas a máis de 50 persoas traballadoras con contrato por tempo indefinido, deberán reservar un posto de vogal do consello reitor para unha delas, que será elixida e só poderá ser revogada polo comité de empresa ou, na súa falta, polo colectivo de traballadores e traballadoras que representa. O período para o que é elixida será o mesmo que para o resto de membros do consello reitor. A persoa que represente as persoas traballadoras como vogal, non substitúe a ningún conselleiro ou conselleira estatutaria, senón que incrementa o seu número.

    Art. 32.- Elección

    1.- O consello reitor (Mencionarase tamén ás suplentes só no suposto de que se decida que existan.) será elixido pola asemblea xeral de entre as persoas socias, en votación secreta, polo maior número de votos (Ata un terzo das persoas integrantes do consello reitor poderán ser elixidas entre persoas físicas que non sexan socios ou socias, salvo a presidencia e vicepresidencia que deberán ser ocupadas, en todo caso, por persoas socias da cooperativa. En tal caso, o texto do número 1 deste artigo, ampliaríase do seguinte xeito:

    "Non obstante o anterior, ata un terzo das persoas integrantes do consello reitor poderán ser elixidas entre persoas físicas non socias, salvo a presidencia e vicepresidencia que deberán ser ocupadas, en todo caso, por persoas socias da cooperativa".)
.

    2.-Procurarase unha representación equilibrada de mulleres e homes na  composición do consello reitor, posibilitando ás persoas que o integran a compatibilidade e a conciliación do seu exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes.

    3.- Os cargos do consello reitor serán elixidos pola asemblea xeral (Con esta redacción todos os cargos serán elixidos directamente pola asemblea xeral, pero os estatutos poden dispoñer expresamente que poderán ser elixidos polas persoas integrantes do consello reitor de entre elas. Nese caso o texto do apartado correspondente sería:

"A distribución dos cargos, incluída a presidencia e vicepresidencia, será realizada polo propio consello reitor, na primeira sesión, que necesariamente se celebrará nos sete días seguintes a contar dende a data de celebración  da asemblea xeral. Desta determinación de cargos, darase publicidade ao resto de persoas socias da cooperativa, mediante carta ao seu domicilio e mediante a publicación no taboleiro de anuncios da cooperativa.")
.
    Se a persoa elixida é unha persoa xurídica, esta deberá nomear á persoa física que, vinculada por calquera título a esta, a represente no cargo para o que fose designada para cada elección.

(Os estatutos poderán reservar postos de vocais do consello reitor para a súa designación de entre colectivos de persoas socias configuradas en función das zonas xeográficas ás que a sociedade estende a súa actividade cooperativizada ou en función das actividades que desenvolve se están claramente diferenciadas, en función do carácter da persoa socia de traballo ou das distintas categorías profesionais.
    Este podería ser o caso de que a Cooperativa teña diversas Seccións. Un texto orientativo podería ser o seguinte:

   O conxunto de persoas socias pertencentes á mesma sección deberá contar con un ou con unha representante no consello reitor. O resto de integrantes do consello reitor elixiranse xenericamente de entre o total de persoas socias, con independencia da sección á que pertenzan.

    Igualmente e ante a existencia de persoas socias de traballo, podería reservarse postos de vocais co obxecto de asegurar a efectiva presenza destas no órgano de administración. Neste caso o texto do artigo podería ser o seguinte:

    Necesariamente un vocal pertencerá ao colectivo de persoas socias de traballo. O resto de vocais e membros do consello reitor elixiranse xenericamente de entre o total de socios e socias, con independencia da actividade cooperativizada que realicen.)


    (Os estatutos poden regular o proceso electoral, se queremos facer uso desta posibilidade deberase establecer un artigo específico. A continuación indícanse dúas posibilidades entre as que se pode elixir, segundo se trate de listas abertas ou listas pechadas.

    a) No suposto de regular o proceso electoral con listas abertas pode utilizarse esta orientación:

    ARTIGO 32 bis.-PROCESO ELECTORAL

    1.- Poderanse presentar candidaturas colectivas ou individuais para a elección do consello reitor, ata 48 horas antes da hora indicada para a celebración da asemblea xeral na que se teña que proceder á elección, a fin de poder elaborar con suficiente antelación as papeletas de votación.

    2.- Nestas candidaturas faranse constar todos os datos persoais dos candidatos ou candidatas e número de socio ou socia, debidamente asinadas por todas e cada unha das persoas candidatas contidas na mesma, así como con copia do seu D.N.I.

    3.- As candidaturas colectivas, terán o carácter de listas abertas e poderán presentar candidatos ou candidatas a todos ou a parte dos postos obxecto de renovación.

    4.- Unha vez entrado no punto da orde do día, relativo á renovación parcial do consello reitor, procederase á constitución da mesa electoral, que estará formada por un Presidente ou presidenta, un Secretario ou secretaria e dous interventores ou interventoras de mesa, elixidos pola asemblea, podendo asignarse tales cargos entre as persoas integrantes do consello que non estean afectas á renovación.

    Unha vez constituída a mesa electora, as persoas saíntes do consello deberán abandonar a mesa da asemblea, deixando paso a quen compón a mesa electoral.

    5.- A presidencia da mesa, explicará as normas para efectuar a votación, que será sempre secreta,  e ordenará o reparto das papeletas de votación.

    Se existise  máis dun candidato ou candidata para un mesmo cargo, os socios ou socias electores so poderán votar a un deles.
    As persoas socias electoras só poderán depositar unha papeleta de votación, a excepción daquelas que ostenten representación doutro socio ou socia, que poderán depositar tamén a papeleta do seu representado ou representada, sempre e cando exhiba á mesa o documento acreditativo da súa representación, que deberá de ser válido e suficiente de acordo aos estatutos e a Lei de cooperativas.

    6.- Unha vez terminada a votación, as  persoas compoñentes da mesa procederán ao escrutinio dos votos emitidos, que se leran en voz alta.

    7.- Unha vez feito o reconto dos votos emitidos, darase conta do resultado final e procederase á proclamación dos candidatos e candidatas que maior número de votos obtiveran para cada cargo, a quen se lle preguntará expresamente se aceptan os cargos para os que foron elixidos ou elixidas e se coñecen algún tipo de prohibición ou incompatibilidade para ocupar os mesmos. Da súa resposta, deixarase constancia na acta.

    8.-Se algunha das persoas  proclamadas non aceptase nese mesmo acto o cargo para o que foi elixida, e manifestase a súa vontade de pospoñer tal aceptación, informaráselle que terá que formalizar tal aceptación por escrito ante o consello reitor, no prazo dos 15 días hábiles seguintes á celebración da asemblea, expoñendo, no seu caso,  as xustas causas que lexitiman a súa decisión de non aceptar.

    No caso de non aceptar o cargo, será proclamada  a elección da primeira persoa suplente.

    No suposto de que algunha das persoas  proclamadas manifestase no acto da asemblea a súa vontade de non aceptar o cargo e a mesma entendese que existe xusta causa para a súa non aceptación, a presidencia da mesa proclamará á segunda máis votada. Se non existisen máis persoas candidatas aos que proclamar, poderase  realizar  unha nova votación de entre as persoas socias da cooperativa, podendo presentarse novamente como candidatos ou candidatas aquelas que o foran para outros cargos obxecto de renovación e que non fosen elixidos ou elixidas nas súas respectivas votacións.

    9.- Se algún conselleiro ou conselleira non saínte, quixese presentar a súa candidatura a algún dos cargos obxecto de renovación, terá que presentar a súa dimisión no mesmo acto da reunión do consello na que se acorde a convocatoria da asemblea xeral, a fin de que o cargo que deixa vacante se cubra igualmente nesa asemblea.

    Se non resultase elixido ou elixida para o cargo ao que se presenta, non terá dereito algún a ocupar o  cargo que ostentaba antes da súa dimisión.

    b) No suposto de regular o proceso electoral con listas pechadas, pode utilizarse esta orientación:

    ARTIGO 32  bis.-PROCESO ELECTORAL

    1.- Poderanse presentar candidaturas colectivas para a elección do consello reitor, ata 48 horas antes da hora indicada para a celebración da asemblea xeral na que se teña que proceder á elección, a fin de poder elaborar con suficiente antelación as papeletas de votación.

    2.- Nesas candidaturas colectivas, farase constar todos os datos persoais e o número de socio ou socia de quen se presenta, debidamente asinadas por todos e cada un dos candidatos e candidatas contidas na mesma, así como con copia do seu D.N.I.

    3.- As candidaturas colectivas, terán o carácter de listas pechadas e terán que cubrir necesariamente todos os cargos obxecto de renovación (incluídos os suplentes).
Poderán ser excluídas de oficio aquelas candidaturas que non conteñan candidatos ou candidatas para todos os cargos obxecto de renovación.

    4.- Unha vez entrado no punto da orde do día, relativo á renovación do consello reitor, procederase á constitución da mesa electoral, que estará formada por un presidente ou presidenta, un Secretario ou secretaria e dous interventores ou interventoras de mesa, elixidos pola asemblea, podendo asignarse tales cargos entre as persoas do consello que non estean afectas á renovación.

    Unha vez constituída a mesa electoral, as persoas saíntes do consello deberán abandonar a mesa da asemblea, deixando paso a quen compón a mesa electora.

    5.- O presidente ou presidenta de mesa, explicará as normas para efectuar a votación, que sempre deberá de ser secreta, e ordenará o reparto das papeletas de votación.

    Se existise máis dunha candidatura unicamente se poderá votar a unha delas.

    As persoas electoras só poderán depositar unha papeleta de votación, a excepción daqueles que ostenten representación doutra persoa socia, que poderán depositar tamén a papeleta do seu representado ou representada, sempre e cando exhiba á mesa o documento acreditativo da súa representación, que deberá de ser válido e suficiente de acordo aos estatutos ou a Lei de cooperativas para ostentar representación.

    6.- Unha vez rematada a votación, a mesa electoral procederá ao escrutinio dos votos emitidos que se lerán en voz alta.

   7.-Unha vez feito o reconto dos votos emitidos, darase conta do resultado final e procederase á proclamación das persoas que forman parte da candidatura que maior número de votos obtiveran, ás que se preguntará expresamente si aceptan os cargos para os que foron elixidos ou elixidas e se coñecen algún tipo de prohibición ou incompatibilidade para ocupar os mesmos.

   Da súa resposta, deixarase constancia na acta.

   8.- Se algún conselleiro ou conselleira non saínte, quixese presentar a súa candidatura a algún dos cargos obxecto de renovación, terá que presentar a súa dimisión no mesmo acto da reunión do consello na que se acorde a convocatoria da asemblea xeral, a fin de que o cargo que deixa vacante se cubra igualmente nesa asemblea.

    Se non resultase elixido para o cargo ao que se presenta, non terá dereito algún a ocupar o  cargo que ostentaba antes da súa dimisión.)

                                    
    Art. 33.- Duración, cesamento e vacantes

    1.- As persoas integrantes do consello reitor serán elixidas por un período de ...... anos, (O período será de entre dous a seis anos.) renovándose simultaneamente na súa totalidade ao vencemento do prazo, podendo ser reelixidas.

    (Poden establecerse renovacións parciais, pero debe recollerse nos estatutos sociais. En tal caso, o texto do número 1 deste artigo sería substituído polo seguinte:

    As persoas integrantes do consello serán elixidos por un período de .... .anos, renovándose por metade. Transcorrida a metade do prazo anterior serán elixidos de novo o presidente ou presidenta, o tesoureiro ou tesoureira, e os vocais números.... E na segunda renovación, o vicepresidente ou vicepresidenta, o secretario ou secretaria e o resto dos vocais. E así sucesivamente.)


    2.- A renuncia dos conselleiros e conselleiras poderá ser aceptada polo consello reitor, así como pola asemblea xeral aínda que o asunto non conste na orde do día. As vacantes  que se produzan no consello reitor cubriranse na primeira asemblea xeral que se celebre, a excepción do caso de que sexa a propia asemblea quen acepte o cese ou a renuncia, suposto no que, debe procederse a cubrir o cargo vacante no mesmo acto. (No caso de que existan suplentes o parágrafo anterior substituirase polo seguinte:

    ".... -A renuncia dos conselleiros ou conselleiras poderá ser aceptada polo consello reitor, así como pola asemblea xeral, aínda que o asunto non conste na orde do día. Tanto nun suposto como noutro, deberá procederse no mesmo acto de aceptación da renuncia, ao nomeamento dos seus substitutos ou substitutas, que será cuberto pola persoa suplente 1º, e sucesivamente polo resto de persoas suplentes por orden de numeración se existisen máis renuncias. A persoa suplente ostentará  e cubrirá o cargo vacante polo mesmo tempo que lle restaba a persoa renunciante.")


    3.- A asemblea xeral poderá destituír dos seus cargos ás persoas integrantes do consello reitor en calquera momento, aínda que o asunto non conste na orde do día, por acordo de máis da metade dos votos totais da cooperativa. Se o asunto constase na orde do día bastará o acordo favorable da maioría dos votos presentes e representados.

    4.-Vacante o cargo de presidente ou presidenta substituirao nas funcións o vicepresidente ou vicepresidenta ata que se cubra dito cargo.

    5.- Resultará de aplicación o disposto no artigo 45 da Lei de cooperativas de Galicia, no que non estea establecido neste artigo.

    Art 34.- Funcionamento do consello reitor

    1.- A reunión do consello reitor deberá ser convocada polo presidente ou presidenta, ou quen a substitúa, por iniciativa propia ou por petición de calquera conselleiro ou conselleira. Se a solicitude non fora atendida no prazo de 10 días poderá ser convocada por quen fixese a petición, sempre que logre para a súa convocatoria a adhesión como mínimo dun terzo do consello.

    2.-Poderá convocarse á reunión, sen dereito a voto, ao letrado asesor ou letrada asesora e ao persoal técnico da sociedade, así como a outras persoas sempre e cando a súa presenza resulte de interese para o bo funcionamento da cooperativa.

    3.- O consello quedará validamente constituído cando concorran persoalmente á reunión máis da metade das persoas que o compoñen. As persoas conselleiras non poden facerse representar.

    4.- Os acordos adoptaranse por máis da metade dos votos validamente expresados, salvo nos supostos establecidos na Lei de cooperativas de Galicia. Para acordar os asuntos que deban incluírse na orde do día da asemblea xeral será suficiente o voto favorable dun terzo das persoas que compoñen o consello.
    Cada persoa conselleira terá un voto. O voto do presidente ou presidenta dirimirá os empates.

    Art. 35.- Remuneración
   
    As persoas integrantes do órgano de administración poderán ser remuneradas segundo estableza a asemblea xeral para cada exercicio económico.(Tamén pode preverse que non exista  remuneración, ou deixalo a criterio da asemblea xeral.) En todo caso, serán compensadas dos gastos que lles orixine a súa función, salvo os de asistencia ás asembleas xerais.

    Art. 36.- Incapacidades e incompatibilidades

    1.- No réxime de incapacidades e incompatibilidades estarase ao disposto no artigo 48 da Lei de cooperativas de Galicia.

    2.- Son incompatibles entre si os cargos do consello reitor. Non obstante, serán compatibles con ascendentes, descendentes e afíns, sen distinción de grao, e cónxuxe (Se os estatutos non regulan expresamente esta compatibilidade, tamén serán incompatibles cos seus ascendentes, descendentes  afíns en primeiro grao e co seu cónxuxe.) .

    Art. 37.- Responsabilidade das persoas integrantes do órgano de administración

    1. As persoas integrantes do órgano de administración actuarán coa dilixencia debida e con lealdade á representación e responsabilidade que ostentan. Responderán solidariamente fronte á cooperativa, ás persoas socias e terceiras persoas do dano causado por actos contrarios a Lei ou aos estatutos, e polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. Estarán exentas de responsabilidade as persoas conselleiras que salvasen expresamente o seu voto nos acordos que causasen dano, e as ausentes que fixesen constar a súa oposición mediante documento fidedigno dirixido ao órgano de administración nos 30 días seguintes ao da adopción de tal acordo.

    As persoas integrantes do órgano de administración deberán gardar secreto sobre aqueles asuntos que teñan carácter confidencial, aínda despois de cesar nas súas funcións.

    2.- Non exonerará de responsabilidade o feito de que o acto ou acordo lesivo fose adoptado, autorizado ou ratificado pola asemblea xeral.

    Art. 38.- Accións de responsabilidade

    A acción de responsabilidade contra as persoas integrantes do órgano de administración poderá ser exercida pola cooperativa mediante acordo da asemblea xeral adoptado por máis da metade dos votos presentes e representados, aínda que o asunto non conste na orde do día.
Será de aplicación en todo o relacionado coa acción de responsabilidade, o establecido no artigo 51 da Lei de cooperativas de Galicia.

    Art. 39.- Impugnación de acordos do órgano de administración

    1.- Os acordos do órgano de administración que sexan contrarios a Lei ou aos estatutos, que vulneren os dereitos da persoa socia ou que lesionen en beneficio dun a varios socios e socias ou de terceiras persoas os intereses da cooperativa, poderán ser impugnados.

    A efectos da posibilidade de impugnación, os acordos das persoas conselleiras delegadas, se existisen, entenderanse adoptados polo órgano de administración.

    2.- Están lexitimadas para interpoñer as  accións de impugnación de acordos anulables aquelas persoas integrantes do órgano de administración que fixesen constar en acta a súa oposición ao acordo, as ausentes que fixesen constar a súa oposición mediante documento fidedigno dirixido ao órgano de administración nos 30 días seguintes ao da adopción do acordo, ademais das persoas socias que representen, como mínimo, o 10 por 100 dos votos sociais (No caso de existir órgano de intervención, debe indicarse que tamén este órgano está lexitimado para interpoñer as accións de impugnación).

    Para a impugnación de acordos nulos está lexitimada calquera persoa socia, incluídas as pertencentes ao órgano de administración que votasen a favor do acordo e as que se abstivesen.

    3.- As accións de impugnación de acordos nulos e anulables deberán ser interpostas nun prazo de dous meses contados dende que se tivese coñecemento do acordo, e sempre que non transcorrese un ano dende a súa adopción.

    4.- As accións de impugnación tramitaranse e producirán os efectos previstos conforme ao establecido nestes estatutos para a impugnación de acordos da asemblea xeral.

(O órgano de intervención ten carácter voluntario polo que cada cooperativa deberá decidir se quere contar con el. En caso afirmativo proponse a seguinte redacción:

    ARTIGO 39 BIS.- O ÓRGANO DE INTERVENCIÓN

    1.- A asemblea xeral elixirá de entre as persoas socias, mediante votación secreta, polo maior número de votos, ao órgano de intervención composto por ....... interventores ou interventoras.

    2.-Procurarase unha representación equilibrada de mulleres e homes na  súa composición, posibilitando a compatibilidade e a conciliación do exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes.  A duración do seu mandato será de ......  anos, podendo ser reelixidos ou reelixidas.

    3.- Será de aplicación aos interventores ou interventoras as causas de incapacidade e incompatibilidade establecidas nos presentes estatutos e no artigo 48 da Lei de cooperativas de Galicia.

    4.- A responsabilidade dos Interventores ou interventoras non terá o carácter de solidaria.

    5.- Os órganos de intervención, ademais da censura de contas anuais, teñen todas as demais funcións que expresamente veñen establecidas na Lei de cooperativas de Galicia e en particular no seu artigo 54.

    6.- Os órganos de intervención censurarán as contas anuais antes da súa presentación á asemblea xeral mediante informe emitido ao efecto, así como sobre a proposta de distribución de excedentes ou imputación de perdas. En caso de desconformidade poderá emitirse informe por separado.
Con este fin, no prazo mínimo dun mes anterior á data de celebración da asemblea xeral, o consello reitor poñerá á súa disposición as contas anuais e calquera documentación que os órganos de intervención lle soliciten para o mellor cumprimento da súa función fiscalizadora

    7.- Nos exercicios económicos nos que a cooperativa audite externamente as súas contas, exímese aos órganos de intervención da obrigatoriedade de emitir o seu informe de censura de contas anuais.

    8.- Será nulo o acordo de aprobación de contas anuais pola asemblea xeral sen o informe previo dos órganos de intervención ou, no seu caso, do informe de auditoría externa.

    9.- Os órganos de intervención deberán gardar secreto sobre os datos confidenciais aos que teñan acceso no exercicio da súa función interventora, salvo aqueles que faciliten a través das vías establecidas legal e estatutariamente.

    Notas á proposta de redacción: O número de membros será de un como mínimo, elixidos por un período de entre dous a seis anos.)


(O comité de recursos ten carácter voluntario polo que cada cooperativa deberá decidir se quere contar con este órgano. En caso afirmativo proponse a seguinte redacción:

    ARTIGO 39 TER (ou BIS).- O COMITÉ DE RECURSOS

    1.- O comité de Recursos tramitará e resolverá os recursos contra sancións impostas ás persoas socias polo órgano de administración, así como os demais recursos nos que así veña previsto por estes estatutos ou pola Lei de cooperativas de Galicia.

    2.- O comité estará composto por ...... integrantes, persoas físicas, elixidas de entre as persoas socias pola asemblea xeral en votación secreta. Procurarase unha representación equilibrada de mulleres e homes na  súa composición, posibilitando a compatibilidade e a conciliación do exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes.  

    3.- A duración do seu mandato será de ..... anos, podendo ser obxecto de reelección. As persoas integrantes do comité seguirán ostentando  os seus cargos, unha vez vencido o prazo para o que foron elixidas, ata o momento no que se produza a súa renovación e as elixidas acepten o cargo.

    4.- As persoas integrantes do comité de recursos elixirán de entre elas, un presidente ou presidenta e un secretario ou secretaria, tendo que notificar esta circunstancia mediante escrito dirixido ao órgano de administración, subscrito por todas elas, no prazo de dous días dende que tal elección se celebre.

    5.- O cargo de membro do comité de recursos é incompatible con calquera outro cargo de elección da cooperativa ou con relación laboral coa mesma.

    6.- O comité deliberará validamente coa asistencia de máis da metade das persoas que o compoñen. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple das persoas asistentes, non sendo posible a delegación de voto. O voto do presidente ou presidenta dirimirá os empates.
Non poderán tomar parte na tramitación e resolución dos recursos as persoas integrantes do comité que teñan respecto da persoa socia ou do afectado ou afectada, parentesco de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo grao, ou relación de servizo.

    A acta da reunión do comité, asinada polo secretario ou secretaria e o presidente ou presidenta, recollerá o texto dos acordos.

    Os acordos do comité de recursos serán executivos e definitivos como expresión da vontade social, e poderán ser obxecto de recurso pola vía procesual previsto no artigo 40 da Lei de cooperativas de Galicia.

   Notas á proposta de redacción: Completárase a numeración do artigo coa terminación TER ou BIS, segundo se conte ou non con artigo BIS dedicado ao órgano de intervención. O número de membros será de tres como mínimo, elixidos por un período de entre dous a seis anos.)



                                  CAPÍTULO IV
                              Do Réxime Económico


    Art. 40.- Responsabilidade

    Os socios e socias responderán das débedas sociais só ata o límite das súas achegas subscritas ao capital social, estean ou non desembolsadas na súa totalidade. A persoa socia que cause baixa na cooperativa responderá persoalmente polas débedas sociais, previa excusión do haber social, durante 5 anos dende a perda da súa condición de socio ou socia, polas obrigas contraídas pola cooperativa con anterioridade á súa baixa, ata o importe reembolsado das súas achegas ao capital social.

    Art. 41.- Capital social

    1.- O capital social da sociedade cooperativa estará constituído polas achegas de natureza patrimonial realizadas a el polas persoas socias, xa sexan obrigatorias ou voluntarias, que poderán ser:

    a) Achegas con dereito ao reembolso no caso de baixa.
    b) Achegas cuxo reembolso no caso de baixa poida ser rexeitado incondicionalmente polo órgano de administración. (Pode suprimirse a existencia das achegas cuxo reembolso no caso de baixa poida ser rexeitado incondicionalmente polo órgano de administración, neste caso eliminaríase desde "...que poderán ser: ...",  ata o final do apartado, así como a totalidade do apartado número 2.)

    2.- A transformación obrigatoria das achegas con dereito ao reembolso no caso de baixa en achegas cuxo reembolso poida ser rexeitado incondicionalmente polo órgano de administración, ou a transformación inversa, requirirán o acordo da asemblea xeral, adoptado pola maioría esixida para a modificación dos estatutos. A persoa socia que salvase expresamente o seu voto, ou estea ausente ou desconforme con esta transformación, poderá darse de baixa cualificándose como xustificada.

    3.- As achegas  acreditaranse mediante títulos nominativos non negociables, que reflectiran as que se realicen, as actualizacións das mesmas, as deducións practicadas a persoa socia por imputación de perdas, e a parte de capital subscrito e non desembolsado.

    4.- As achegas realizaranse en moeda de curso legal. Non obstante, poden consistir tamén en bens e dereitos susceptibles de valoración económica. Neste caso o órgano de administración fixará o seu valor, logo do informe dunha ou varias persoas expertas independentes designadas por el baixo a súa responsabilidade. (Se existe órgano de intervención deberá engadirse:

e daráselle coñecemento diso ao órgano de intervención.)


    5.- O importe total das achegas de cada cooperativista deberá ser inferior ao 50% do capital social.

    Art. 42.- Capital social mínimo

    O capital social mínimo fíxase en ........ (O mínimo legal son 3.005,06 EUROS. Pódese establecer un capital social mínimo superior, en ningún caso inferior.) EUROS, que deberá estar totalmente desembolsado.

    Art. 43.- Achegas obrigatorias

    1.- A achega obrigatoria mínima para ser persoa socia da cooperativa será de .................. EUROS (  Indicar o importe da achega mínima para ser persoa socia da cooperativa. O criterio pode ser ou unha cantidade fixa (exemplo: 800 Euros) ou establecer como criterio o de que a achega será proporcional ao compromiso ou uso potencial que cada persoa socia asuma na cooperativa. Cabe a posibilidade de que existan distintos tipos de achegas mínimas para os distintos tipos de persoas socias (exemplos: persoas socias de distintas seccións ou persoas socias de traballo). Estas mesmas condicións poden aplicarse para a determinación da cota de ingreso das novas persoas socias.), tendo que desembolsar desta cantidade un 25 por 100  como mínimo para adquirir a condición de socio ou socia no momento da súa subscrición, e o resto no prazo que acorde a asemblea xeral. (O 25 por 100 é unha cantidade mínima. Os estatutos poderán fixar outra superior, e incluso esixir o desembolso da totalidade da achega obrigatoria mínima.)

    2.- A asemblea xeral poderá acordar a esixencia de novas achegas obrigatorias fixando a súa contía, os prazos e as condicións de desembolso. A persoa socia que tivese desembolsadas achegas voluntarias poderá aplicalas en todo ou parte a cubrir as novas achegas.
    
    O socio ou socia desconforme coa ampliación obrigatoria do capital social poderá darse de baixa, que deberá cualificarse como xustificada.

    3.- Se pola imputación de perdas da cooperativa ás persoas socias, a achega ao capital social de algún deles quedase por debaixo da mínima obrigatoria, o socio ou socia afectada deberá realizar a achega necesaria ata acadar tal mínimo, para o que será requirido inmediatamente polo órgano de administración, que fixará o prazo para efectuar o desembolso. Este prazo non poderá ser inferior a dous meses.

    4.- A persoa socia que non desembolse as achegas nos prazos previstos incorrerá en mora polo mero vencemento do prazo, e deberá aboar á cooperativa o xuro legal que corresponda e resarcila dos danos e prexuízos causados pola morosidade, podendo ser tamén suspendida dos seus dereitos ata que normalice a súa situación, e se non realiza o desembolso no prazo de dous meses dende que fose requirida para elo, poderá ser expulsada da sociedade.

    5.- A asemblea xeral ordinaria fixará anualmente a contía da achega obrigatoria para adquirir a condición de persoa socia e as condicións e prazos de desembolso.
O importe das achegas obrigatorias das novas persoas socias, non poderán ser inferiores á mínima para ser socio ou socia fixada nestes estatutos nin superior ás efectuadas polas persoas socias actuais incrementadas na contía que resulte de aplicar o índice de prezos ao consumo.

    6.- A asemblea xeral poderá acordar que as achegas obrigatorias ao capital social reporten un xuro pola parte efectivamente desembolsada, na contía que a mesma estableza, que en ningún caso poderá ser superior ó do xuro legal do diñeiro incrementado en tres puntos (Os estatutos poden fixar un tipo de xuro inferior ou que non reporten xuros.).

    7.- A remuneración das achegas obrigatorias ao capital social estará condicionada á existencia no exercicio económico de resultados positivos ou reservas de libre disposición.

    8.- Se a asemblea xeral acorda devengar xuros para as achegas obrigatorias ao capital social ou repartir retornos, as achegas de reembolso rexeitable que pertenzan ás persoas socias que causasen baixa na cooperativa e cuxo reembolso fose rexeitado polo órgano de administración, terán preferencia para percibir a dita remuneración. (No caso de non prever a existencia de achegas de reembolso rexeitable débese eliminar esta apartado.)

    Art. 44.- Achegas voluntarias

    1.- A asemblea xeral poderá acordar a admisión de achegas voluntarias ao capital social que vaian  realizar as persoas socias, fixando as condicións delas, sen que a retribución que se estableza, no seu caso, exceda o interese legal do diñeiro incrementado en seis puntos (Os estatutos poden fixar un tipo de xuro inferior ou que non reporten xuros.).

    2.- As achegas voluntarias deberán desembolsarse totalmente no momento da subscrición e terán o carácter de permanencia propia do capital social do que pasan a formar parte.

    3.- A remuneración das achegas voluntarias ao capital social estará condicionada á existencia no exercicio económico de resultados positivos ou reservas de libre disposición.

    4. Se a asemblea xeral acorda devengar xuros para as achegas voluntarias ao capital social ou repartir retornos, as achegas de reembolso rexeitable que pertenzan a persoas socias que causasen baixa na cooperativa e cuxo reembolso fose rexeitado polo órgano de administración, terán preferencia para percibir a dita remuneración. (No caso de non prever a existencia de achegas de reembolso rexeitable débese eliminar este apartado.)

    Art. 45.- Transmisión de achegas

    1.- As achegas poderán transmitirse por actos intervivos, previa notificación ao órgano de administración, entre persoas socias preferentemente e entre aquelas que reunindo os requisitos para ser socio ou socia, se comprometan a selo nos tres meses seguintes, nos termos fixados nos estatutos para adquirir a condición de persoa socia.

    2.- As achegas poderán transmitirse por sucesión mortis causa a quen acredite ser causahabente se fose persoa socia e así o solicite ou, se non o fose, previa admisión como tal, que deberá solicitarse no prazo de tres meses dende o falecemento, sen que teña a obriga de desembolsar cota de ingreso.
Noutro caso, terá dereito á liquidación do crédito correspondente á achega social.

    Se os herdeiros ou herdeiras fosen varias persoas, a cooperativa poderá esixir que o dereito á condición de persoa socia sexa exercido por unha soa persoa, con expreso consentimento das demais, e se non existise acordo entre elas procederase ao abono da liquidación da achega social do causante a aquelas que acrediten ter dereito a ela.

    Art. 46.- Reembolso das achegas

    1.- A persoa socia estará facultada para esixir o reembolso das súas achegas ao capital social, no caso da súa baixa. Igualmente estarán facultadas as persoas que posúan dereitos sobre elas.
    
    O órgano de administración poderá rexeitar o reembolso cando se trate de achegas cuxo reembolso, no caso de baixa, poida ser rexeitado incondicionalmente. (No caso de non prever a existencia de achegas de reembolso rexeitable débese eliminar este parágrafo.)

    2.- A liquidación destas achegas farase polo seu valor nominal segundo o balance de pechamento do exercicio no que se produza a baixa. Pódense establecer deducións sobre todas as cantidades reembolsables polos conceptos de achegas obrigatorias, o retorno cooperativo ao que teñan dereito e fondos de reserva repartibles que poidan corresponderlles, que non serán superiores ao 30% no caso de expulsión nin ao 20% no caso de baixa non xustificada. Non se poderán aplicar deducións sobre as achegas voluntarias.
No caso de baixa xustificada, non procederá ningunha dedución.
   
   Deberase ter en conta o incremento do 10 % establecido para os supostos de incumprimento do prazo de preaviso ou do período de permanencia mínimo. (No caso de non establecer a penalidade por incumprimento nos estatutos, debe eliminarse este parágrafo.)

    A decisión sobre a porcentaxe de dedución aplicable en cada caso será competencia do órgano de administración, en función das circunstancias que concorran.

    3.- Sen prexuízo das deducións anteriormente citadas, computaranse, se é o caso, e para efectos do oportuno desconto das cantidades que teñan que devolverse á persoa cooperativista que causa baixa, as perdas, imputadas e imputables, reflectidas no balance de pechamento do exercicio no que se produza a baixa, xa correspondan ao dito exercicio ou proveñan doutros anteriores ou estean sen compensar.

    4.- O órgano de administración poderá aprazar o reembolso da liquidación durante un prazo de cinco anos no caso de expulsión ou baixa non xustificada, de tres anos no caso de baixa xustificada e de un ano no caso de defunción, contado desde a data do peche do exercicio en que a persoa socia causou baixa. (Os estatutos poden fixar un prazo inferior ao sinalado.)

   As cantidades aprazadas darán dereito a percibir o xuro legal do diñeiro desde a data de peche do exercicio en que a persoa socia causou baixa, e non poderán ser actualizadas.
Cando o órgano de administración acorde a devolución das achegas de reembolso rexeitable, deberá facerse nos prazos establecidos contados desde a data do acordo de reembolso. (No caso de non prever a existencia de achegas de reembolso rexeitable débese eliminar este parágrafo)

     5.- O órgano de administración terá un prazo dun mes desde a aprobación das contas do exercicio no que causase baixa a persoa socia, para comunicar a liquidación efectuada.

     6.- (Esta posibilidade permite considerar a parte de capital social que exceda da porcentaxe que se fixe neste apartado como fondos propios, é dicir como garantía da cooperativa, solucionando parcialmente a problemática introducida pola aplicación ás cooperativas das normas contables internacionais. De non querer utilizarse esta posibilidade debe suprimirse o apartado e renumerar o seguinte se resulta necesario.) Cando nun exercicio económico o importe da devolución das achegas supere o ....... % (Se quere utilizarse esta posibilidade debe fixarse unha porcentaxe estimada de xeito que permita facer fronte aos posibles reembolsos que previsiblemente podan ter que realizarse cada ano, sen alterar o equilibrio financeiro da cooperativa.)  do capital social, os novos reembolsos estarán condicionados ao acordo favorable do órgano de administración.

     7.- (No caso de non prever a existencia de achegas de reembolso rexeitable débese eliminar este apartado.)  Cando as persoas titulares de achegas de reembolso rexeitable causasen baixa, o reembolso que, se é o caso, acorde o órgano de administración efectuarase por orde de antigüidade das solicitudes de reembolso ou, cando non haxa tal solicitude, por orde de antigüidade da data da baixa
Se existen achegas de reembolso rexeitable pendentes de reintegrar aos seus titulares, por baixa destes e rexeitamento do reembolso polo órgano de administración, o ingreso das novas persoas socias deberá efectuarse mediante a adquisición destas achegas. Esta adquisición producirase por orde de antigüidade das solicitudes de reembolso deste tipo de achegas. No caso de solicitudes con igual antigüidade, a adquisición distribuirase en proporción ao importe das achegas.

    Art. 47.- Financiamentos qeu non integran o capital social

    1.- A asemblea xeral poderá establecer cotas de ingreso e/ou periódicas que non integrarán o capital social nin serán reintegrables. (As cotas de ingreso poden ser unha cantidade fixa para todas as persoas socias ou diferentes en función do compromiso ou uso potencial que cada socio ou socia asuma na cooperativa, sempre respectando o máximo do 50%.)

    2.- As cotas de ingreso non poderán ser superiores ao 50 por 100 da achega obrigatoria mínima ao capital social vixente en cada momento para adquirir a condición de persoa socia.

    Art. 48.- Determinación dos resultados netos do exercicio

    1.- Para a determinación do resultado do exercicio aplicaranse as normas e criterios establecidos pola normativa xeral contable.

    2.- Non obstante, consideraranse como gastos deducibles para a determinación do resultado do exercicio os establecidos no apartado segundo do artigo 66 da Lei de cooperativas de Galicia.

    3.- (As cotas de ingreso poden ser unha cantidade fixa para todas as persoas socias ou diferentes en función do compromiso ou uso potencial que cada socio ou socia asuma na cooperativa, sempre respectando o máximo do 50%.) Os resultados obtidos de operacións cooperativizadas realizadas con terceiras persoas non socias figurarán na contabilidade por separado, e destinaranse nun 50 por 100 como mínimo ó Fondo de Reserva Obrigatorio e o resto segundo acorde a asemblea xeral.

    4.- Os beneficios procedentes de plusvalías no alleamento dos elementos do activo inmobilizado ou os obtidos doutras fontes alleas aos fins específicos da cooperativa, así como os derivados de investimentos ou participacións en sociedades de natureza non cooperativa, destinaranse nun 50% como mínimo ao Fondo de Reserva Obrigatorio, e o resto segundo determine a asemblea xeral, coas seguintes excepcións:

    a) Os derivados de ingresos procedentes de investimentos ou participacións financeiras, ou en sociedades non cooperativas cando estas realicen actividades preparatorias, complementarias ou subordinadas ás da propia cooperativa, que se considerarán, para todos os efectos, resultados cooperativos.

    b) As plusvalías obtidas polo alleamento de elementos do inmobilizado material destinados ao cumprimento do fin social, cando se reinvista a totalidade do seu importe en novos elementos do inmobilizado, con idéntico destino, dentro do prazo comprendido entre o ano anterior á data da entrega ou posta a disposición do elemento patrimonial e os tres anos posteriores, sempre que permanezan no seu patrimonio, agás perdas xustificadas, ata que finalice o seu período de amortización.

    c) Para a determinación dos resultados extracooperativos imputarase aos ingresos derivados destas operacións, ademais dos gastos específicos necesarios para a súa obtención, a parte que, segundo criterios de imputación fundados corresponda dos gastos xerais da cooperativa.


    Art. 49.- Distribución de excedentes netos. o retorno cooperativo

    1. Anualmente, dos excedentes contabilizados para a determinación do resultado do exercicio, unha vez deducidas as perdas de exercicios anteriores e antes da consideración do imposto de sociedades do exercicio económico, destinarase:

    a) Ao Fondo de Reserva Obrigatorio, unha contía global mínima do 20%, e ao Fondo de Formación e Promoción, polo menos un 5%.
    
    b) Dos beneficios extracooperativos e extraordinarios, como mínimo un 50% ao Fondo de Reserva Obrigatorio. (No caso de optar pola non contabilización separada debe eliminarse este parágrafo.)
    O resto, satisfeitos os impostos esixibles, estará á disposición da asemblea xeral, que poderá distribuílo na forma seguinte: ao retorno cooperativo ás persoas socias, á dotación a fondos de reserva voluntarios de libre disposición, ao incremento dos fondos obrigatorios e á participación do persoal traballador asalariado nos resultados da cooperativa.

     2.- O retorno cooperativo é a parte do excedente dispoñible que a asemblea xeral acorde repartir entre as persoas socias, que se lles acreditará a elas en proporción ás operacións, aos servizos ou ás actividades realizadas por cada persoa socia coa cooperativa, sen que en ningún caso poida acreditarse en función das achegas ao capital social.
(No caso de que existan persoas socias de traballo debe preverse unha equitativa e ponderada participación nos resultados, introducindo un texto como o seguinte:

Para as persoas socias de traballo reservase unha contía do ... % do retorno global, e acreditaráselles en función do anticipo global percibido durante o ano.)


    3.- A Asemblea Xeral poderá recoñecer as persoas asalariadas da cooperativa o dereito a percibir unha retribución, con carácter anual, fixando a súa contía en función dos resultados do exercicio económico.Esta participación terá carácter salarial e substituirá o complemento de similar natureza establecido, se é o caso, na normativa laboral aplicable, agás que for inferior ao dito complemento; en tal caso, aplicarase este último.

    4.- Os fondos de reserva voluntarios de libre disposición son aqueles creados pola asemblea xeral mediante acordo expreso que poderá determinar a súa natureza, como repartible ou non, e regular o seu funcionamento prevendo expresamente os supostos de repartibilidade, de ser o caso.
No defecto de pronunciamento expreso da asemblea xeral sobre a súa natureza, estes fondos non serán repartibles entre as persoas socias no caso da baixa destas.

    Aos fondos de reserva voluntarios poderán destinarse os excedentes do exercicio, cooperativos ou extracooperativos, unha vez satisfeitos os impostos esixibles.

    O dereito de reintegro da participación das persoas socias que causen baixa nos fondos repartibles unicamente procederá en proporción á contribución realizada pola persoa cooperativista na súa xeración, considerando a actividade cooperativizada desenvolta e as perdas que foren imputadas ou estean pendentes de imputar, e só procederá cando a asemblea xeral o acordase ao facer a correspondente dotación e nas condicións establecidas no dito acordo.

    En todo caso, os fondos de reserva voluntarios responderán en primeiro lugar no suposto de compensación de perdas, sen máis limitación que a establecida pola asemblea xeral que acorde a imputación.

    Art. 50.- Fondos socialis obrigatorios

    1.- O Fondo de Reserva Obrigatorio, destinado á consolidación, desenvolvemento e garantía da cooperativa, é irrepartible entre as persoas socias, e destinaranse ao  mesmo necesariamente as partidas e dotacións establecidas no apartado 1 do artigo 68 da Lei de cooperativas de Galicia.

    2.- O Fondo de Formación e Promoción Cooperativa é irrepartible entre as persoas socias, e destinarase, en aplicación das liñas básicas fixadas pola asemblea xeral, a actividades que cumpran algunha das finalidades establecidas no apartado segundo do artigo 68 da Lei de cooperativas de Galicia.
Ó Fondo de Formación e Promoción Cooperativa destinaranse necesariamente as partidas e dotacións establecidas no mencionado apartado segundo do artigo 68 da Lei de cooperativas de Galicia.

    Art. 51.- Imputación de perdas

    1.- Poderanse imputar as perdas a unha conta especial para a súa amortización con cargo a futuros resultados positivos dentro do prazo máximo de sete años.

    2. Na compensación de perdas, a cooperativa terá que suxeitarse á orde seguinte:

    a) Aos fondos de reserva voluntarios de libre disposición, de existiren, poderá imputarse a totalidade das perdas.
    
    b) Ao Fondo de Reserva Obrigatorio.

    c) A contía non compensada cos fondos de reserva de libre disposición e obrigatorios imputarase ás persoas socias en proporción ás operacións, servizos ou actividades realizadas por cada unha delas coa cooperativa. Se estas operacións ou servizos realizados son inferiores aos que como mínimo está obrigada a realizar a persoa socia conforme o establecido nos estatutos sociais, a imputación das referidas perdas efectuarase en proporción á actividade cooperativizada mínima obrigatoria, sen que en ningún caso poidan imputarse en función das achegas ao capital social.

    3. As perdas imputadas a cada cooperativista satisfaranse dalgunha das formas seguintes:

    a) Directamente ou mediante deducións nas súas achegas ao capital social.

    b) Con cargo aos retornos que poidan corresponderlle dentro dos sete anos seguintes como máximo. Se quedan perdas sen compensar, transcorrido o dito prazo, deberán ser satisfeitas pola persoa socia no prazo máximo dun mes contado a partir do requirimento expreso formulado polo órgano de administración.

(No caso de existir persoas socias de traballo débese incorporar un apartado coa seguinte redacción orientativa:

    4.-En calquera caso, as perdas determinadas pola actividade cooperativizada das que deban responder as persoas socias de traballo, imputaranse ao Fondo de Reserva Obrigatorio e, no seu defecto, ás persoas socias ordinarias na contía necesaria para lles garantir a aquelas unha compensación mínima equivalente ao 70% da retribución salarial que viñesen percibindo na mensualidade inmediatamente anterior a aquela na que se imputen as devanditas perdas e, en todo caso, non  inferior ao salario mínimo interprofesional.)


    Art. 52.- Exercicio económico. Constas Anuais

    1.- O exercicio económico terá unha duración de 12 meses e estenderase dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro (Pódense determinar outras datas distintas en función das circunstancias da cooperativa.)>

    2.- O órgano de administración está obrigado a formular no prazo máximo de 3 meses, contados a partir do peche do exercicio económico, as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de distribución de excedentes e destino dos beneficios extracooperativos ou da imputación de perdas, para a súa aprobación pola asemblea xeral.


                                 CAPÍTULO V
                    Documentación Social e Contabilidade


    Art. 53.- Documentación social

    1.- A cooperativa levará en orde e ao día os seguintes libros:

    a) Libro rexistro de persoas socias
    b) Libro rexistro de achegas ao capital social.
    c) Libro de actas da asemblea xeral e do órgano de administración. .
    d) Libro de inventarios e balances e libro diario, conforme ao contido disposto na normativa mercantil.
    e) Calquera outro libro esixido polas disposicións legais.

    2.- Todos os libros sociais e contables serán dilixenciados e legalizados, con carácter previo a súa utilización, polo rexistro de cooperativas competente.

    3.- Os libros e demais documentos da cooperativa estarán baixo a custodia, vixilancia e responsabilidade do órgano de administración. (No caso de existir órgano de intervención deberá engadirse libro de informes de censura de contas, e no caso de existir comité de recursos, levarase tamén libro de actas do comité de recursos.)

    4.- Será válida a realización de asentos e anotacións por calquera procedemento idóneo, sobre follas que despois serán encadernadas correlativamente para formar os libros obrigatorios, que serán presentados ao rexistro de cooperativas competente para a súa legaliza-ción, antes do transcurso dos catro meses seguintes á data de peche do exercicio.

    Art. 54.- Contabilidade

    1.- As cooperativas deberán levar unha contabilidade ordenada e adecuada á súa actividade, consonte o establecido no Código de Comercio, o Plan xeral contable e as singularidades da natureza do réxime económico da sociedade cooperativa.

    2.- A composición das contas anuais será a establecida pola normativa contable de aplicación.

    3.- O órgano de administración presentará para o seu depósito no rexistro de cooperativas competente, dentro do prazo de dous meses contados dende a súa aprobación pola asemblea xeral, as contas anuais, o informe de xestión e, no seu caso, o informe de auditoría externa, así como certificación acreditativa do número de persoas socias (No caso de existir órgano de intervención tamén se deberá depositar o informe deste órgano, sempre e cando non exista auditoría externa.).

    Art. 55.- Auditoría Externa

    1.- (Cando a cooperativa conte con seccións a auditoría terá carácter obrigatorio en todo caso, polo que deberá substituírse este apartado número 1 polo seguinte:

    1.- A cooperativa virá obrigada a realizar en cada exercicio económico auditoría externa das súas contas.)
A cooperativa, ademais de vir obrigada a auditarse cando concorran os supostos establecidos na Lei de auditorías e as súas normas de desenvolvemento ou calquera outra norma legal aplicable, deberá facelo cando así o acorde a asemblea xeral ou o órgano de administración.
Tamén virá obrigada a auditarse cando o soliciten por escrito o 15 por 100 das persoas socias da cooperativa. Neste suposto, os gastos orixinados como consecuencia da auditoría correrán por conta dos solicitantes agás cando resulten dela vicios ou irregularidades esenciais na contabilidade auditada.

    2.- Os auditores ou auditoras de contas designaranse pola asemblea xeral. Non obstante, cando a designación por este órgano social non se fixese oportunamente ou as persoas designadas non poidan cumprir as súas funcións, o órgano de administración poderá proceder a tal designación e dará conta dela na primeira asemblea que se celebre.
    Non poderán auditar externamente as contas as persoas sinaladas no parágrafo cuarto do artigo 55 da Lei de cooperativas de Galicia.

    3.- Os auditores ou auditoras externos disporán, como mínimo, dun mes dende que as contas lles foran entregadas polo órgano de administración, para formular o seu informe, que deberá conter como mínimo as mencións establecidas no artigo 55 da Lei de cooperativas de Galicia.


                              CAPÍTULO VI
                      Da disolución e liquidación


    Art. 56.- Causas de disolución

    A cooperativa disolverase:

    1.-Por acordo da asemblea xeral, adoptado por maioría de dous terzos dos votos presentes e representados.

    2.-Por cumprimento, do termo fixado nos estatutos, salvo acordo expreso en contrario da asemblea xeral, adoptado coa maioría establecida na letra anterior, que se elevará a escritura pública e se inscribirá no  rexistro de cooperativas.

    3.-Por finalización e cumprimento da actividade empresarial, social ou económica que constitúa o seu obxecto social, ou pola imposibilidade notoria e manifesta do seu cumprimento, ou paralización dos seus órganos sociais durante un ano, ou da actividade cooperativizada durante dous anos, de tal xeito que imposibilite o seu funcionamento.

    4.-Pola redución do capital social mínimo estatutario ou do número de persoas socias necesarias para constituír a cooperativa da clase e grao de que se trate, sen que se restableza no prazo de seis meses.

    5.-No caso da redución do capital social mínimo estatutario,  poderase evitar a causa de disolución, procedendo á redución do capital social, por acordo da asemblea xeral adoptado pola maioría de dous terzos dos votos presentes e representados, sempre e cando o resultante non sexa inferior ao mínimo legal.

    6.-Por quebra da sociedade, cando como resultado da interposición e resolución de tal proceso concursal proceda a súa disolución.

    7.-Pola fusión ou escisión da sociedade cooperativa.

    8.-Por calquera outra causa establecida na Lei de cooperativas de Galicia.

    Art. 57.- Liquidación e extinción

   Cumpridas as formalidades legais sobre disolución da cooperativa e aberto o proceso de liquidación, salvo nos casos de fusión ou escisión, as funcións do órgano de liquidación serán asumidas polo órgano de administración. (Se non quere utilizarse a posibilidade de que o órgano de administración asuma a liquidación, pode regularse que se elixirán liquidadores, fixando o seu número que deberá ser impar. A título de exemplo pódese utilizar una redacción como a seguinte:

    Cumpridas as formalidades legais sobre disolución da cooperativa e aberto o proceso de liquidación, salvo nos casos de fusión ou escisión, designarase de entre as persoas socias ao órgano de liquidación, formado por ..... persoas, que serán elixidas pola asemblea xeral mediante votación secreta.

    Nota á proposta de redacción: o número de integrantes do órgano de liquidación deberá ser impar.)


    A liquidación e extinción da cooperativa axustarase ó disposto na Lei de cooperativas de Galicia.  

Siguiente: Modelos de cooperativas de Galicia de Segundo Grado

Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de RCR. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.

Advertisement
LIBROS GRATUITOS

Logo Sage

Sage Despachos Connected

Contables

Fiscales

Laborales

Cuentas anuales

Bases de datos

Quiénes somos

Política protección de datos

Contacto

Email

Foro SuperContable

Asociación española de consultores de empresa

AECA

logoRCR

Copyright RCR Proyectos de Software. Reservados todos los derechos.

Subir

Utilizamos cookies propias y de terceros. Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. Más información